“Este proxecto, en fase de exposición pública, ameaza gravemente o Camiño Primitivo”, aseguran
Este acto terá lugar no Salón de Actos da Fonsagrada ás 19:30 horas. Alí, ADEGA informará sobre os impactos ambientais e sociais deste proxecto, que ameaza a ZEC Río Eo e o Camiño Primitivo, e poñerá a disposición un modelo de alegacións e recollida de sinaturas para procurar paralizalo. O prazo para presentar estas alegacións remata o vindeiro venres, 1 de agosto.
Ademais, proxectarase o documental “Vidas irrenovables”, unha película de 90 minutos de duración, dirixida por Francisco J. Vaquero, que nos convida a reflexionar sobre o colonialismo enerxético que está destruíndo multitude de espazos de alto valor ecolóxico ao longo de todo o Estado.
ADEGA advirte ao ICOMOS
O parque eólico Muracais é un novo proxecto que ameaza a comarca da Fonsagrada. Constaría dun total de 13 aeroxeradores que atravesarían varios núcleos: A Pobra de Burón, Carracedo, Xestoso de Riba, A Fonsagrada, Xestoso de Baxo, Lidín, Candaído, Queixoiro, Tronceda, Barbeitos, Silvela e Vilarmeán. Ademais, a súa liña de alta tensión pasaría polo Piñeiral, Vilardongo, Pedrafitelas, Pedrouzos, Cerredo, Chaín e Paradavella.
Afecataría o río Rodil (ZEC Río Eo) e Camiño Primitivo. É por iso que a organización ecoloxista ADEGA puxo en coñecemento do ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) a ameaza que supón este proxecto eólico para o ben patrimonial. En concreto, solicita a intervención deste organismo ante o perigo de afectación grave que implicaría a construción do proxecto eólico Muracais, e de todos os demais polígonos eólicos que nunha contorna próxima se atopan en fase de tramitación ou xa autorizados, para o mantemento da paisaxe e os demais valores ambientais do Camiño Primitivo.
ADEGA fai un chamamento a toda a veciñanza afectada a acudir para informarse e alegar ao proxecto.