O acto terá lugar o xoves 14 de agosto, ás 19:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal
A elección de Adrián Ben como pregoeiro supón un recoñecemento á súa brillante traxectoria deportiva, pero sobre todo ao seu gran papel como embaixador viveirense por todo o mundo.
O acto do pregón, que terá lugar na Biblioteca Pública Municipal o xoves 14 de agosto, ás 19:30 horas, será o primeiro gran momento dunhas festas que contarán cun cartel musical de luxo, encabezado por De Ninghures, Azúcar Moreno e Dasoul, ademais doutras actividades para todos os públicos que se anunciarán proximamente.
Desde a Comisión apuntan que Adrián “trátase dunha figura querida, admirada e representativa dos valores que definen aos viveirenses: o esforzo, a humildade e o orgullo de pertencer a esta vila. É un exemplo para todos os pequenos e pequenas que non só se inician no atletismo, senón en todos os deportes”.
Adrián Ben, un atleta internacional de Viveiro
Adrián Ben é un dos grandes referentes do atletismo español na modalidade de medio fondo. Especialista nos 800 metros lisos, proclamouse campión de Europa en pista cuberta en 2023 e foi finalista en dous Mundiais e uns Xogos Olímpicos. A súa constancia, talento e carácter competitivo convertérono nun habitual das grandes citas internacionais, sempre levando con el o nome de Viveiro.