Site icon Crónica3.com A Mariña

Alberto Mirás vestirá unha tempada máis a camiseta do Burela FS

O á destro santiagués é a segunda renovación deste verán e cumprirá o seu cuarto curso na entidade mariñá

Burela, 13 de xullo, 2025. Alberto Mirás vestirá polo menos unha tempada máis a elástica do Burela FS. O á destro santiagués e o club chegaron a un acordo para prorrogar un curso máis a vinculación que lles unía e, deste xeito, o intelixente futbolista compostelán cumprirá a súa cuarta campaña de laranxa. O club agradécelle a súa confianza e celebra poder seguir contando cun xogador tan importante para David Rial.

Alberto Mirás Neira (Santiago de Compostela, 2001) chegou ao Burela no verán do 2022 procedente do Parrulo de Ferrol. Canteirán do Santiago Futsal e internacional por España en categorías inferiores, destaca pola súa manexo de balón e intelixencia táctica. E, ademais, xa se lle pode considerar un auténtico veterano na Segunda División, xa que, a pesar da súa xuventude, esta será a sétima campaña na que compite no segundo chanzo do fútbol sala español. Na súa estrea en Primeira División, este pasado curso, Alberto foi un xogador fundamental nos esquemas de David Rial, participando en 29 encontros e anotando 4 goles. Unha inoportuna lesión provocou que só puidese xogar uns minutos na penúltima xornada diante de ElPozo Murcia e perdese o decisivo encontro que pechou a liga na cancha do Jimbee Cartagena.

O á santiagués sinala que o motivo principal que o levou a asinar a renovación foi “intentar axudar todo o posible ao club agora que está nun momento difícil”, explica. E engade que “creo que en Burela estou nun sitio no que me sinto moi cómodo e moi feliz, e tamén quería agradecer o trato do club todos estes anos e penso que o indicado era quedarse para axudar en todo o posible”, indica. Ademais, Alberto é optimista de cara ao futuro. “Creo que a nova directiva está facendo un traballo incrible e transmite esa seguridade e confianza necesaria para crer en que o proxecto vai saír adiante e se lle vai dar a volta a esta situación”, valora.

Así mesmo, o futbolista compostelán avanza que agarda desta campaña. “É un pouco cedo para falar de obxectivos para a tempada, pero estou seguro de que seremos un equipo competitivo, como o fomos estes últimos tres anos, e que a xente se sentirá moi identificada con nós e desfrutará de vir a Vista Alegre a animarnos”, conclúe Alberto.

Exit mobile version