Os deputados do Grupo Popular, xunto coa secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, realizaron unha visita a este concello
Nunha visita realizada polos deputados do Grupo Popular a Ribadeo, na que tamén participou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, Alberto Pazos amosou “a satisfacción por ver que o que eran soños, esperanzas e proxectos que nos trasladaba o que agora é alcalde cando era compañeiro deste grupo parlamentario, hoxe se están a transformar en realidades para Ribadeo e os seus veciños, porque se está investindo moito pensando nas persoas”.
COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
“Gracias ao bo facer de Daniel Vega e ao seu equipo se está fomentando a colaboración entre administracións que fai posible investimentos importantes como a reforma do abastecemento de auga ou a remodelación do Hospital-Asilo, que servirá de fogar a 40 persoas maiores que merecen uns servizos que non tiñan ata o de agora”, indicou.
O portavoz do Grupo Popular afirmou que Daniel Vega “vai conseguir que Ribadeo volva ser o que nunca debeu deixar de ser: un referente para toda a Mariña lucense, para a provincia de Lugo e para Galicia enteira”, e “todo isto é un motivo de gran satisfacción, moito máis en Ribadeo cando ven da man dun compañeiro do que gardamos un magnífico recordo no Parlamento de Galicia”.
AXUDAN, RESPECTAN E RESPALDAN
Pola súa banda, o alcalde ribadense deu a benvida a todos os deputados do Grupo Popular e á secretaria xeral do PPdeG e amosou a súa satisfacción por acoller a “aqueles que nos axudan, respectan e respaldan, traballando todos na mesma dirección, baixo o mando do Presidente Rueda”.
A modo de balance das actuacións levadas a cabo en Ribadeo nestes dous últimos anos, Daniel Vega referiuse á rehabilitación da residencia de maiores Hospital-Asilo, para a que a Xunta aportou 700.000 euros para a reforma interior e outros 400.000 para equipar todo o seu interior. Neste sentido, avanzou que “licitaremos en breve a lavandería e a cociña e xa estamos traballando como vai ser o funcionamento da residencia”.
Vega destacou os 8,5 millóns de euros, dos que 7,5 serán a cargo da Xunta, que se investirán no abastecemento de auga a Ribadeo, “porque tamén hai que traballar naquilo que non se ve pero que supón un recurso importantísimo para os veciños, sobre todo nun concello turístico como é este”.
Así mesmo, citou os 360.000 euros destinados á mellora da rede de saneamento, a nova oficina de turismo ou os 1,4 millóns de euros investidos na rede de infraestruturas nestes dous últimos anos.