Site icon Crónica3.com A Mariña

Ameijide: “Tomé foi o gran derrotado hoxe, perdeu a petición de dimisión de Elena Candia e case ten que dimitir el o evidenciar que está totalmente só no PSOE”

O voceiro popular afirma que hoxe Tomé recibiu unha das peores derrotas nun pleno provincial; anunciou unha iniciativa contra a presidenta provincial do PP e non so perdeu a votación senón que evidenciou a súa soidade na provincia e no partido: “ten que ser difícil que despois de 6 anos como presidente da Deputación mire atrás e vexa só a súa sombra; está so, non o segue ninguén no seu partido”

Lugo, 29 de xullo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular confirmaron hoxe que José Tomé “seguirá o manual de Pedro Sánchez” ante a posibilidade de ter coñecemento da comisión dun suposto delito ao negarse o presidente da Deputación e secretario xeral dos socialistas lucenses na provincia a responder á pregunta de “se poría en mans da xustiza a comisión dun presunto delito ou asubiaría e miraría cara outro lado”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, sinala que “ninguén pode entender o que pedía hoxe José Tomé” que Elena Candia dimitise “por cumprir coa obriga que temos todas as persoas, poñer en coñecemento da Fiscalía uns feitos supostamente ilícitos” para que logo “se a Fiscalía o consideraba oportuno, iniciar unha investigación”.

Neste contexto, cómpre recordar que a Fiscalía iniciou as investigacións oportunas porque considerou que “os feitos que se puxeron no seu coñecemento si que poderían ser un delito”.

Por iso mesmo, Ameijide preguntou durante o pleno a Tomé “que faría o presidente da Deputación nesa situación, se acudiría á Fiscalía ou, pola contra, asubiaría e miraría cara outro lado”. “José Tomé miraría cara outro lado seguindo o manual de estilo de Pedro Sánchez á fronte do Goberno de España e do PSOE nacional”, afirmou.

Incluso, Antonio Ameijide afirmou que “eu mesmo, e os meus compañeiros, na mesma situación que Elena Candia, faría o mesmo” porque “calquera persoa, pero sobre todo nós coma políticos temos que dar exemplo e se somos coñecedores dun presunto delito, temos a obriga de facilitar toda a documentación á fiscalía” para que logo os profesionais da xustiza sexan os que decidan se se abre unha investigación ou non.

“A SOIDADE DE JOSÉ TOMÉ”

Antonio Ameijide recordou o anuncio realizado por José Tomé en xuño cando dixo que “esta petición de dimisión se levaría a todos os concellos da provincia” e a única realidade é que “ninguén no PSOE provincial lle seguiu o ordenado polo secretario xeral provincial” xa que “unicamente se defendeu a moción na Deputación e no Concello de Monforte, no resto de plenos municipais non se debateu en ningún”.

“Nin sequera os alcaldes socialistas que forman parte do Grupo Provincial Socialista na Deputación rexistraron a iniciativa nos seus concellos. Un novo fracaso de José Tomé”, sentenciou, en referencia a que Tomé fixo ese anuncio acompañado do alcalde de Lugo e deputado provincial, Miguel Fernández, (ademais doutros cargos do PSOE) “e nin o alcalde rexistrou a iniciativa no Concello de Lugo”.

Unha soidade que se reflectiu en que a moción foi denegada polo pleno xa que “nin os seus socios de goberno do BNG quixeron apoiar a moción”. A iniciativa rexeitouse con 12 votos en contra do PP, 10 a favor do BNG e 3 abstencións do BNG.

“AO PSOE SÓ LLE INTERESA A FISCALÍA PARA FILTAR INFORMACIÓN”

Antonio Ameijide afeou ao PSOE que “só lle interesa a Fiscalía “cando se trata de utilizala para filtrar información á prensa e así atacar aos rivais políticos, pero cando se trata de poñer en coñecemento da fiscalía presuntos delitos cometidos por membros do Partido Socialista, xa non lles fai tanta graza”.

Neste senso, o voceiro popular sinalou que “se cadra no Partido Socialista ven normal ter coñecemento de delitos á fronte dos gobernos e das institucións e mirar para outro lado, calar e dicir “aquí non pasa nada””.

“Aquí a única realidade é que José Tomé quere condenar publicamente, con acusacións infundadas, a unha persoa como Elena Candia, que o único que fixo foi poñer en coñecemento da xustiza, uns presuntos delitos, é dicir, cumprir co seu deber como política pero, sobre todo, como persoa”, sentenciou.

Exit mobile version