Foz, Barreiros e Ribadeo acolleron este fin de semana diversos actos lúdicos, culturais, gastronómicos e reivindicativos organizados polo BNG e Galiza Nova
O luns 21, Galiza Nova despregou a bandeira da patria nun lugar emblemático como é o Cargadeiro, na entrada da Ria de Ribadeo, e así mesmo presentaron a exposición itinerante “Artivismo en Castelao”.
Festexar e reivindicar
“Temos que festexar pero tamén reivindicar, porque o BNG é unha forza política cun discurso e unha práctica coherente e transformadora, que traballa por unha Galiza forte que faga valer os nosos intereses de país e coide dos galegos e das galegas con servizos públicos, universais e de calidade, coma a sanidade, na que na comarca da Mariña levamos anos de loita fronte ao proceso de desmantelamento que leva a cabo o PP. Queremos vivir na Mariña con todos os servizos, con infraestruturas acordes aos nosos tempos, rematando dunha vez a agardada A-74, e queremos tamén poder ter acceso á vivenda, agora inaccesible para a maioría de traballadoras e traballadores debido ás nulas ou lesivas políticas levadas a cabo ao respecto polo PP” afirmou o responsable comarcal Antonio Veiga.
En termos semellantes pronunciáronse Xorxe Macía e Serxio Alonso Mon, representantes na comarca de Galiza Nova quen manifestaron que “traballamos tamén por unha Galiza e por unha Mariña en que os coidados sexan un dereito e non un negocio e en que a vivenda e a protección social estean garantidas e que a mocidade teña oportunidades aquí. Unha Galiza en que a nosa lingua propia, o galego, estea viva e plenamente normalizada, e na cal a defensa da igualdade desde o feminismo e o respecto á diversidade sexan norma e non excepción
Manifestación en Santiago de Compostela o venres 25 de xullo
Desde o BNG animan tamén a asistir á manifestación que partirá da Alameda compostelá ás 12:00 e que rematará na Praza da Quintana, así como ás actividades que ao longo do día se van desenvolver dando continuidade ás do día 24 dentro do Festigal.