A gardameta brasileira renova o seu compromiso “con moita ilusión” e ganas de demostrar a súa valía
Ana Eliza Ribeiro de Oliveira (Passa Quatro-Minas Gerais, 12-07-2000) completou a súa primeira campaña íntegra no Burela FS na tempada recentemente finalizada, logo de que na anterior fose cedida na primeira metade da mesma ao Viaxes Amarelle coruñés e regresase en xaneiro de 2024 á disciplina burelista para asumir a complicada tarefa de suplir a marcha de Jozi a Italia. Conta con outros dous anos de experiencia na máxima categoría española logo de defender, previamente ao seu desembarco en Burela, os marcos do Joventut D’Elx e a AD Sala Zaragoza.
Ana Eliza asegura estar con moitas ganas de afrontar este novo reto e de demostrar as súas condicións. “Estou moi ilusionada e para min é unha gran responsabilidade, xa que ata o de agora o equipo estaba composto por moitos nomes de referencia”, explica. Así mesmo, relata que era o momento para apostar polo club. “Co Burela FS aprendín moito e agora é o momento de dar un paso adiante. Creo que debía quedarme para demostrar o meu compromiso e defender ao club, tanto nos bos momentos como nos non tan bos”, apunta.
A pesar da renovación practicamente íntegra do persoal laranxa, Ana Eliza está ansiosa xa de que comece a pretemporada. “É un momento de cambio, pero eu estou entusiasmada e vou estar a lume de biqueira e a dar o máximo de min”, indica. Finalmente, cre que é o momento de demostrar o seu nivel. “Vexo esta tempada como unha oportunidade para demostrar o que podo achegar ao equipo, tanto a nivel individual como colectivamente. Confío moito neste proxecto humilde, pero con aspiracións, que tamén servirá para que se vexa o bo traballo que leva realizando na base do club nos últimos anos. Sairemos adiante!”, conclúe entusiasmada.