Manuel Miranda Ruiz é o presidente da asociación Mariña Patrimonio, desde onde leva anos impulsando unha importante labor de investigación, recuperación, defensa e posta en valor do patrimonio mariñán. Froito dese traballo constante sobre o terreo localizou e descubriu un número considerábel de xacementos que non figuraban nos rexistros oficiais. A este labor investigador, une unha actividade moi impórtante en defensa do patrimonio, entre os que destaca en 2006 o seu traballo en defensa do castro da Atalaia de San Cibrao, no concello de Cervo.
Un dos achados de relevo de Manuel Miranda no concello de Foz foron as minas romanas de ouro da Espiñeira en marzo de 2013, cuxa autencidade foi certificado en xuño de 2014 pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta da Galiza. O xacemento ocupa una extensión de máis de 150 hectáreas e dá conta da importancia deste tipos de explotación na Galiza, que xogou un papel de relevo á hora de subministrar ouro ao Imperio Romano. Neste sentido, a toponimia da zona está chea de nomes que fan referencia a esta actividade como Rego Grande, Pozo Mouro, Quebradoiro, Cal, Furada, Piego ou Meixador.
O presidente de Mariña Patrimonio referirase ás covas de construción humana existentes en diversos lugares do concello de Foz. A maior parte delas están asociadas á actividade á actividade mineira, como a cova do Carreiro, situada na vila de Foz, cunha galaría picada na rocha de 30 metros de longo e de moi boa factura, conserva os chamados lucernarios, que son pequenos ocos cavados nos laterais da galería para colocar as lámpadas de aceite, lucernas, que iluminaban as galerías. Precisamente, os lucernarios son un elemento chave para datar esta explotación mineira como propia da época romana.
A referida cova emprazase no conxunto do xacemento arqueolóxico O Carreiro-Llas, no borde litoral da vila- A este respecto, Miranda sinala que é un dos castros máis extensos existentes na comarca da Mariña, que xa fora documentado en 1876 polo historiador e arqueólogo mindoniense José Villamil y Castro. Na mesma dirección, na práctica totalidade das parroquias de Foz están localizados castros, sinalándose entre outros o do Pico do Castro, a carón do cemiterio, o de Vilaronte, nun espazo con ese topónimo e onde se empraza o antigo tele club, en Santa Cilla, no lugar de Carballo Só ou en Santo Acisclo.
Foz conta, tamén, con diversos xacementos arqueolóxicos da Idade Media. Un deles é o castelo da Feouxeira na parroquia de Santa Cilla, onde Pedro Pardo de Cela resistiu durante meses ao longo de 1482 e 1483 ao exercito dos Reis Católicos, conformado por un impórtante continxente de forzas mercenarias francesas, no marco da revolga galega contra Castela do século XV.