Este convenio de colaboración, que dá resposta a unha demanda do municipio de Xove, inclúe por 1,6M€ o acondicionamento dun treito da LU-P-2601; un tramo da LU-P-6606; e a mellora da LU-P-2604 e da LU-P-2605 na súa totalidade
O mandatario provincial recordou que “unha das nosas liñas de goberno é a cooperación e a asistencia a todos os concellos da provincia e facémolo sen distincións de ningún tipo e sen importar a cor política, porque cremos que é así como se constrúe un territorio máis vertebrado, máis igualitario e con máis oportunidades para toda a veciñanza”.
Neste sentido, recordou que “fai unhas semanas asinamos un acordo de colaboración co Concello de Palas de Rei para a cesión dun tramo urbano da LU-P-2901, e hoxe atendemos a petición desde concello mariñán coa que se mellorará a mobilidade, a seguridade e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Xove”.
As obras de acondicionamento que se inclúen neste convenio son as seguintes:
– Con case 478.000€ realizarase a segunda fase do acondicionamento da estrada LU-P-2601, a vía que une a autonómica LU-862 con Portiño de Moras, nun treito de algo máis de 2 quilómetros, do punto quilométrico 2,850 ao 5,524. Tras estes traballos quedará acondicionada a totalidade da estrada.
– Con máis de 141.000€ acometeranse melloras nun tramo da LU-P-6606, a vía que une Augadoce con Fontao por Faro. O treito que se vai arranxar vai do punto 2,222 ao 4,629.
– Con preto de 857.000€ rehabilitarase o firme do trazado completo da LU-P-2604 que vai da autonómica LU-862 ata Valcarria por Monte.
– E con algo máis de 160.000€ mellorarase o firme da LU-P-2605, a estrada que une A Tronca e Tarolo por Vila.
Tras rematar estes traballos de acondicionamento e unha vez se aprobe na sesión plenaria a Deputación cederá ao Concello de Xove estas vías xunto á LU-P-2602 desde Porto de Morás a Beltrán; a LU-P-2603 desde a autonómica LU-862 ata a LU-P-2061 por Chao de Aldea; LU-P-2606 desde Xove ata a Rocha; LU-P-2607 que vai desde Cruceiro ata Portecelo; LU-P-2609 desde Sumoas ata Toimil; LU-P-2610 que une Vara coa Área pola praia de Esteiro.