Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros completa a formación do cadro de socorrismo para entrar na tempada alta

O Concello facilitou ao persoal un curso de salvamento en moto acuática e outro de emerxencias e primeiros auxilios

Barreiros, 2 de xullo de 2025. O servizo de salvamento e socorrismo de Barreiros completou onte o seu cadro de persoal, coa incorporación de 6 auxiliares que reforzarán os 22 socorristas e as 2 técnicas sanitarias contratadas. Compétase así un cadro de persoal de 30 persoas que aínda non é suficiente para un servizo completo en todos os areais.

A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “o persoal de socorrismo e sanitario leva contratado desde mediados de xuño, co fin de organizar o servizo e mellorar a súa formación”. Neste sentido, a rexedora informou de que o Concello organizou dúas formacións que melloran os coñecementos do persoal e reforzan a súa seguridade.

Trátase dun curso de tres xornadas para manexo de moto acuática e manobras de rescate con este vehículo, no que participaron as 10 persoas que contan con licenza de navegación para manexar a embarcación.

O outro curso, dirixido a todo o persoal, é unha formación en emerxencias e primeiros auxilios que refresca uns coñecementos que xa teñen e reforza a súa seguridade á hora de aplicar a teoría.

Ambos cursos contaron con partes prácticas, nas que o persoal puido resolver dúbidas na aplicación do seu coñecemento.

A alcaldesa agradeceu a participación de todo o persoal nestes cursos, “o que demostra o seu compromiso co traballo e a responsabilidade coa que o exercen.” “O Concello realiza un esforzo importante á hora de dotar o servizo de coñecementos e recursos e é un pracer que ese esforzo se vexa correspondido polo persoal. E estas dúas cuestións son a clave das melloras que se produciron no servizo nos últimos anos: seriedade, esforzo e seriedade; que son as características que definen actualmente o servizo de salvamento e socorrismo de Barreiros”.

Exit mobile version