A preparadora ferrolá é unha grande coñecedora do fútbol sala autonómico e convértese na primeira muller que se sitúa á fronte do banco laranxa
Belén Feal Cabezón (Ferrol, 2-11-1996), enxeñeira de deseño industrial de profesión, é unha ampla coñecedora do fútbol sala galego. Como xogadora formouse na canteira do Parrulo e o Comarcal A Fervenza, logrando chegar a estrearse en Primeira División co Valdetires Ferrol. Ademais, era unha habitual nas seleccións galegas de base formando parte dunha gran xeración de futbolistas que continúan agora competindo na máxima categoría como a internacional Vane Sotelo, a ourensá Ana Rivera, a nedesa Ale de Paz ou a pontevedresa Nere Moldes, así como a mariñá Paula Cortiñas, actualmente en Segunda División. Con elas logrou no 2015 o Campionato de España Sub-21 de seleccións autonómicas.
Dúas lesións graves de xeonllo apartaron do parqué a Belén Feal e xa moi axiña se centrou no traballo nos bancos. No 2017 estreábase dirixindo na base do actual A Fervenza-Narón O Freixo, club co que gozou esta pasada tempada da súa primeira experiencia a cargo dun equipo sénior. Logrou levar ao conxunto de Ferrolterra á terceira praza da Primeira Futgal con tan só tres derrotas en 26 encontros disputados.
Na campaña anterior, a 2023/2024 tamén saboreou a súa primeira experiencia nun banco de Segunda División, aínda que neste caso foi como segunda adestradora do Valdetires Ferrol. Así mesmo, nestes dous últimos cursos foi a seleccionadora do combinado galego Sub-10 feminino, co que se proclamou campioa de España o pasado mes de maio en Murcia.
Belén Feal chega a Burela con moita ilusión e ganas de aproveitar esta oportunidade para demostrar a súa valía dirixindo a un dos clubs históricos do fútbol sala español. “Para min é un soño e é unha grande oportunidade. Agradezo a confianza depositada en min”, sinala a adestradora ferrolá.