A programación comeza este xoves 4 de xullo ás 22:30 horas na Praza do Concello coa comedia familiar ‘El Hotel de los líos’, e continuará o vindeiro 18 de xullo na Praza da Mariña coa película de animación ‘Migración: un viaje patas arriba’, pensada especialmente para o público infantil.
En agosto, o ciclo retómase o día 1 na Praza do Concello coa longametraxe galega ‘+Cuñados’, mentres que o 15 de agosto a cita será na Praza das Casas Baratas coa entrega de animación ‘Chicken Run: Amencer dos Nuggets’, apta para todos os públicos. O programa pecharase o 29 de agosto na Praza da Mariña coa comedia italiana ‘Odio el verano’.
Todas as sesións serán de balde e comezarán ás 22:30 horas,ofrecendo unha alternativa cultural, familiar e segura para gozar das noites de verán ao aire libre.
A concelleira de cultura, Lina Gómez, explicou que “o cine na rúa é xa unha cita esperada do verán en Burela, que permite gozar do bo tempo, do encontro entre veciños e veciñas e do cinema para todos os públicos”. Ademais, animou á veciñanza a participar activamente nesta proposta: “Agardamos que a programación sexa do agrado de toda a xente e que as prazas volvan encherse de ilusión, risas e bo ambiente”.