Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “A insubmisión galega como trunfo da desobediencia civil”. Xoán Antón Pérez Lema

Ven de se estrear na compostelá Sala Capitol, logo da súa preestrea no festival de Cans, o documental “Crónicas dun non” do director cesureño Fernando Rodríguez, Peñaño quen foi, en agosto de 1989, preso político no cárcere militar ferrolá de Caranza. O primeiro preso insubmiso galego en prisión preventiva, porque no cumprimento da súa condena, no cárcere coruñés, haberíao ser o grovense César García Aguiño (protagonista do documental Dous anos, catro meses e un día e morto de xeito temperá hai pouco máis dun ano). Aos dous e a bastantes máis (César Goldi, Modesto Toribio, Andrés H. Mouriño, Duarte Crestar…entre outros moitos) tiven a honra de defendelos como avogado e aprender como persoa do seu humanismo, do seu valor e renuncia persoais e do seu compromiso coa paz e coa liberdade. César Goldi deixounos tamén hai poucos anos o testemuño da súa experiencia como preso político na obra teatral Goldi Libre, representada polo grupo Chévere.

Crónicas do non” conta a historia dun grande suceso. Do éxito dun potente movemento de desobediencia civil, alicerzado en centos de mozos, que agromou cara fins dos anos 80 do século XX na Galicia, canda outros semellantes no conxunto do Estado, malia que con caracteres substancialmente propios no caso do noso país, probabelmente polo seu pluralismo político e social (convivían nacionalistas, esquerdas federalistas, anarquistas, activistas cristiáns…) e, ao tempo , pola importante achega humana das distintas organizacións xuvenís do nacionalismo político e polo apoio desenvolvido na altura polo feminismo . Un ten de se preguntar porque até de agora os homes non fomos quen de desenvolver a prol da igualdade de xénero un apoio tan útil, directo e incondicional como o desenvolvido entón polo feminismo galego a respecto do movemento da obxección de conciencia.

Até os derradeiros anos daquela década dos 80 a negativa ao servizo militar non acadou a fasquía dun movemento de masas e ficara reducido a seareiros de determinadas confesións relixiosas e outros de tendencia anarquista. Naqueles anos produciuse unha conxunción de factores que fixo posíbel este potente movemento de desobediencia civil. Ficaba abondo claro que a chamada mili só servía para fornecer de man de obra de balde a unhas forzas armadas atrasadas, caducas e absolutamente desvencelladas da evolución na altura da sociedade civil. Un espazo militarizado onde, decorridos case quince anos de réxime democrático, o soldado ou mariñeiro de conscrición seguía a ser tratado como unha persoa sen dereitos e abondo explotado polos mandos militares. Un espazo militar onde eran adoito frecuentes suicidios e autolesións polos malos tratos sufridos polos mozos e accidentes con graves resultas de mortes e lesións xeradoras de eivas e incapacidades polo caduco do material, o desleixo no seu uso e conservación e máis o desprezo pola seguridade de mariñeiros e soldados.

Deste xeito, cando o goberno do PSOE, teimudo na súa defensa numantina da mili, define unha prestación social substitutoria máis longa, cun réxime disciplinario semellante (1991-1992), a sociedade civil xa está gañada pola continua actividade do movemento de obxección de conciencia, o exemplo dos seus presos e máis o afastamento da sociedade a respecto das forzas armadas. No 1996 os nacionalistas cataláns e vascos de Convergència e PNV, moi influídos polo antimilitarismo das súas organizacións xuvenís-JNC e EGI-, impoñen a Aznar en troques da súa investidura, entre outras cuestións, a liquidación en seis anos do servizo militar obrigatorio, despois anticipado a 2001, malia que durante este tempo a represión xeraría outros presos políticos como Ramiro Paz, tamén falecido de xeito temperá no 2021 e Elías Rozas, condenados a 19 meses de prisión militar no desenvolvemento dunha estratexia de insubmisión posterior á súa incorporación ao exército e que sufriron agresións de funcionarios no cárcere militar de Alcalá.

O movemento da obxección de conciencia é, na historia democrática recente na Galicia e no Estado, o único caso de éxito dunha fórmula de democracia directa e dun movemento de desobediencia civil que cumpre cos seus obxectivos fundacionais. Velaí que, sen dúbida, os insubmisos galegos e o conxunto do movemento de obxección de conciencia, a súa organización, a súa transversalidade e o seu pluralismo constitúan indubidábeis referentes para a loita pola paz e a liberdade que nos esixe-e de que xeito- o presente.

Exit mobile version