A alcaldesa, Ana Ermida, explica que se trata “dunha reunión á que nos tiñamos comprometido co sector, unha vez estudadas as alegacións presentadas e feita a proposta de modificación oportuna para mellorar o texto. ”O que se pretende con este texto é “amparar xuridicamente unha actividade que se vén realizando, cun incremento nos últimos anos, por locais hostaleiros que non teñen como actividade principal a prestación de espectáculos ou actuacións en vivo, co que a licencia da que dispoñen non ampara estas actividades.”
Ademais, trátase de regular unha actividade de ocio coas interferencias que pode ter no normal desenvolvemento da vida das persoas, garantindo as condicións nas que se celebran e o dereito ao descanso e ao ocio. “É importante sinalar que se trata de actividades excepcionais e, como tales, deben ter regulación específica para que poidan desenvolverse nunhas condicións axeitadas.”
Neste sentido, a rexedora manifesta que se tratou de clarificar todo o relativo á música ambiental, cuxa existencia non se cuestiona e nunca estivo na intención de restrinxila ao elaborar a normativa; polo que, tras detectar as dúbidas que se manifestaron co texto provisional, tratou de mellorarse a redacción do mesmo.
O texto definitivo da ordenanza será aprobado no vindeiro pleno que se celebrará o 28 de xullo.”