A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “estas rutas están deseñadas para promocionar as partes menos coñecida do municipio, poñendo en valor paisaxes e actividades propias do territorio e fundamentais no desenvolvemento de Barreiros.” O que se pretende é que “quen nos visite poida coñecer realmente a onde está vindo e a vida ambiental, social e económica que hai en Barreiros, lonxe de promocionar unha imaxe asociada puramente ao turismo tradicional de sol e praia”.
Así, estas andainas lévannos á costa, quizais unha parte moi coñecida; pero poñendo o foco no inmenso valor ambiental que se agocha tras as súas praias. Adéntranse tamén na zona interior, amosando e poñendo en valor importancia do labor dos/as gandeiros/as nesta comarca. E visítanse tamén puntos puramente turísticos, pero cambiando a visión para centrala nos valores culturais e patrimoniais que se atopan das súas parroquias ou na maxia e a importancia dos espazos naturais.
As rutas programadas para este verán, iniciaranse o 12 de xullo, cunha ruta xeolóxica polo litoral, guiada por Fran Canosa. Esta ruta repetirase o 28 de xullo e o 12 e 27 de agosto.
A ruta “Unha granxa de premio”- visita á granxa Mantoño Holstein, terá a súa primeira edición o 17 de xullo, repetíndose o 30 de xullo e o 14 e 28 de agosto.
Haberá dúas saídas guiadas ao Espazo Natural do Santo Estevo do Ermo, os días 19 de xullo e o 23 de agosto. E outras dúas centradas na historia e o patrimonio da parroquia de San Miguel, os días 26 de xullo e 9 de agosto.
As persoas interesadas poden obter toda a información na páxina web de turismo municipal www.barreirosturismo.gal (sección “Actualidade e Axenda”), onde tamén deberán realizar as inscricións previas, sen as cales non se poderá participar nas mesmas.
Para ampliar a información ou calquera dúbida poden contactar coa oficina de Turismo Municipal, ou no teléfono: 982 134 400.