Os 100 asistentes por semana gozaron de actividades de 10 a 14 horas consistentes en deportes, xogos cooperativos, manualidades, inchables, excursións ou camas elásticas, entre outras.
As colonias urbanas tiveron como destinatarios ás nenas e aos nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Francisco José Silvent subliñou que “ademais contamos con horarios especiais de 8 a 15 horas para facilitar a conciliación laboral e familiar”.
Vega e Silvent agradeceron “a confianza depositada polas nais e os pais nas actividades organizadas polo Concello de Ribadeo para que os seus fillos e fillas pasen un verán diferente e entretido. Agardamos que gozasen moito”.
A programación continuará en agosto con novas Noites Activas nas pistas multideporte e no pavillón municipal e con festa acuática na praia dos Bloques.