Este paso abre a porta á participación da Xunta no procedemento, algo no que xa están traballando os servizos xurídicos autonómicos, co obxectivo de aportar información de carácter técnico que permita reforzar as posibilidades de éxito
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, manifestou a súa satisfacción por este anuncio que valorou “moi positivamente” dado que permite seguir defendendo os intereses na nosa frota como vimos facendo ata agora”. Nesta liña, a responsable autonómica destacou que desde a Administración autonómica mantívose un contacto constante co sector para analizar e coordinar as accións a tomar no ámbito xurídico e político. A titular de Mar manifestou que aínda que o Goberno galego respecta a decisión deste tribunal “non compartimos esta sentenza” dado que esta modalidade de pesca é unha das máis selectivas e sostibles cunha afectación limitada nos Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV).
A Xunta destacou que son os Estados membros os que gozan de condición de demandantes privilexiados nos recursos contra sentenzas do Tribunal Xeral ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O tratarse de un recurso de casación este recurso debe circunscribirse a motivos de dereito. Unha vía que mantén vivo o proceso xudicial mentres se traballa no ámbito técnico e político para reverter unha decisión que compromete a sostibilidade e futuro da actividade pesqueira na comunidade.
Sentenza do TXUE
O pasado mes de xuño o Tribunal Xeral da Unión Europea desestimaba os recursos interpostos polo Goberno central e pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela e 16 compañías armadoras propietarias de 21 buques afectados, no que participou a Xunta como coadxuvante, contra o veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Dita medida foi motivada pola Comisión pola existencia Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) ou a posibilidade de que existan nas mencionadas áreas recollidas no anexo II do Regulamento de Execución (UE) 2022/1614. Esta decisión afectou a máis do 25% da nosa frota, 200 embarcacións de xeito directo e 946 de artes menores de forma indirecta.