Na primeira sesión, Mari Carmen Rodríguez Cancelo e Montserrat Iglesias, disertaron sobre o papel da muller nos eidos cultural e científico. A directora da Coral Polifónica de Ribadeo destacou o ocultado e descoñecido, pero moi real, papel da muller na música ao longo dos séculos e tamén na vida cultural ribadense; e Montserrat Iglesias centrou a súa atención na historia vivida por Manuela Barreiro Pico a comezos do século XX na súa especial loita por ser ela mesma nun mundo até o momento rexentado por homes á vella usanza.
Na segunda sesión, Chema Leal Bóveda lembrou a persecución sistemática exercida sobre as mulleres polo poder real e pola Inquisición. Aquelas que ousaban rebelarse fronte ao papel subalterno que se lles asignaba corrían o risco de seren perseguidas e axiña acusadas de bruxería ou o que for con tal de se desfacer delas. Exemplo paradigmático desta situación de opresión é o caso do antollo de Isabel I de Castela cunha escrava do conde de Ribadeo. Non parou até mercala e facerse con ela.
Xa na terceira sesión, Alba Díaz Geada expuxo o seu relatorio “A muller no agro galego: afouteza e perseveranza”. A súa intervención dividiuse en dous apartados: un breve apuntamento conceptual, e unha posterior exposición do papel desenvolvido pola muller no rural galego nos anos do franquismo e a transición. Para nós foi moi grato atopármonos coa nosa propia historia como agrupación cultural, pois o núcleo fundacional estaba estreitamente ligado ao funcionamento dun equipo humano que tiña moi boa parte do seu epicentro na actividade desenvolvida en torno á Axencia de Extensión Agraria. Atopármonos con nomes como o de Antonio Oca, Mari Carmen Carballeda, Eduardo Gutiérrez ou Ramón Muñiz, entre outros, supuxo unha grande satisfacción.
Como conclusión final, queda moito que dar a coñecer do papel que desenvolveu e segue a desenvolver a muller ao longo da historia. Prestarase atención a esta temática en novas actividades. A A. C. Francisco Lanza agradece ao público asistente o interese mostrado polas xornadas e convocálo para o ano 2026.