O adestrador salmantino formou parte do corpo técnico laranxa durante dez tempadas, repartidas en dúas etapas, nas que axudou a conquistar 21 títulos
Julio Delgado González (Salamanca, 1969) chegou ao banco do conxunto feminino laranxa na tempada 2015/2016, aínda que non era a súa primeira experiencia como adestrador do Burela FS, xa que en xaneiro de 2012 convertíase no técnico do equipo masculino e baixo a súa batuta debutaba o equipo en Primeira División na campaña 2012/2013, logo de caer na final dos play off de ascenso ante o Martorell e renunciar o conxunto catalán á máxima categoría.
Chegou ao corpo técnico laranxa no verán de 2015 para formar un exitoso tándem con Iván Cao Valle, ‘Lucas’, xa que na primeira tempada vencían a liga e a Supercopa. Julio foi gañando protagonismo co paso das tempadas e rematou como primeiro adestrador do equipo, comandando a época máis gloriosa do equipo laranxa, que deu inicio na campaña 2018/2019 coa consecución en Vista Alegre dunha inesquecible Copa da Raíña tras unha final emocionantísima ante o Futsi Atlético Navalcarnero que só se puido resolver na quenda de penaltis. A partir de aí, o Burela FS estendeu un dominio total sobre os títulos nacionais.
Pechou a súa primeira etapa ao finalizar a campaña 2020/2021, pero só oito meses despois, en abril de 2022, regresaba para substituír ao propio Lucas. Nese final de campaña fíxose coa Copa da Raíña en Ourense e levou ao subcampeonato ligueiro ao cadro burelense, chegando a ser a entidade mariñana un dos mellores equipos da historia do fútbol sala español. Julio Delgado despídese do Burela FS despois dunha tempada na que conquistou a Copa da Raíña disputada en Cartaxena e a Copa Galicia, cuxa final se celebrou en Lugo ante o Castro. En cambio, quedou fóra da Supercopa en semifinais, ao caer ante o Torreblanca Melilla e non puido disputar a final de Liga despois de caer en semifinais fronte ao Futsi Atlético Navalcarnero, nunha serie que se resolveu desde o punto de penalti no terceiro partido.
A entidade deséxalle ao adestrador a mellor da sortes na súa nova etapa deportiva, facendo constar que esta será sempre a casa de Julio, como o foi durante tantos anos, como xogador e como adestrador ao que lle agradecemos todo o seu traballo e éxitos logrados nesta última etapa.