A conselleira María José Gómez reuniuse con Darío Cabaneiro, alcalde desta localidade lucense, que recibiu da Xunta máis de 700.000 euros desde 2020 para a mellora das súas infraestruturas rurais
Nesta reunión avaliáronse estes datos, que evidencian a clara vocación agrogandeira dunha localidade que se sitúa nos primeiros lugares dentro de Galicia en produción de leite e en número de explotacións gandeiras de vacún.
A reunión serviu tamén para reforzar a colaboración entre a Consellería e o Concello en materia de mellora de infraestruturas e camiños rurais. Cómpre lembrar, neste sentido, que A Pastoriza recibirá preto de 81.000 euros ao abeiro do Plan Camiña Rural para as anualidades de 2025 e 2026. Con esta achega, o orzamento destinado pola Xunta desde o ano 2020 para a construción e mellora de infraestruturas rurais neste municipio supera os 700.000 euros.
Estes fondos permitiron actuar tanto en vías municipais en diferentes parroquias como acondicionar os accesos a diversos núcleos, mediante a súa pavimentación ou a limpeza de gabias. Así, leváronse a cabo intervencións de reforma, adaptación e mellora en camiños de parroquias como Bretoña, Rigueira, A Pousada, Baltar, Cadavedo ou Saldanxe. Ademais, pavimentáronse os accesos aos núcleos das Fontes, As Maciñeiras ou O Alto, entre outros labores.