Site icon Crónica3.com A Mariña

O arxentino Gonzalo Starna defenderá a portería do Burela FS masculino

O bonaerense ten 21 anos, foi internacional coa súa selección en categorías inferiores e procede do Real Betis Futsal, co que logrou o ascenso a Primeira esta pasada campaña

Burela, 21 de xullo, 2025. O porteiro arxentino Gonzalo Starna é a terceira incorporación que realiza este verán o Burela FS para reforzar o plantel do seu equipo masculino. Starna, que foi internacional nas categorías inferiores da selección arxentina, é un novo porteiro de 21 anos que chega procedente do Real Betis FS, club co que se estreou en España e co que vén de lograr o ascenso a Primeira División, ademais de proclamarse o pasado curso campión da Copa do Rei. É a primeira peza que chega para a portería do equipo que volverá dirixir David Rial.

Gonzalo Ariel Starna (Buenos Aires-Arxentina, 27-10-2004) é un gardameta destro que comezou a súa carreira no seu país defendendo as cores do Club Cultural y Deportivo 17 de agosto, desde o que chegou en xaneiro do 2023 ao Real Betis Futsal para enrolarse no seu filial, que se atopaba en Segunda División, e posteriormente ascender ao primeiro equipo, co que competiu nestas dúas últimas campañas e logrou a mencionada Copa do Rei e un ascenso a Primeira este pasado curso que non se materializará ao disolver a súa sección de fútbol sala o club sevillano. O novo cancerbeiro laranxa foi internacional Sub-18 e Sub-20 con Arxentina e tamén participou nalgún adestramento da selección absoluta. Co combinado albiceleste logrou dúas Ligas Evolución Conmebol e o Suramericano Sub-20 celebrado en novembro do pasado ano en Perú. Ademais, a nivel de equipos, antes de arribar a Sevilla tamén disputou a Libertadores con Barracas Central, club do seu país. Starna participou esta última tempada en 25 encontros co Real Betis, saíndo no quinteto inicial en 9 deles e colaborando no campionato hispalense de Segunda cun total de dous tantos.

O meta arxentino está moi motivado para este curso que está a piques de empezar e asegura que a súa chegada á entidade mariñá supón un paso adiante na súa carreira deportiva. “Do Burela FS teño moi boas referencias. Sei que é un club con historia na liga, moi competitivo e cunha grande estrutura. Ademais, faláronme moi ben do ambiente que se vive tanto no club como na cidade. Motivoume moito o proxecto que me presentaron e as ganas que teñen de seguir crecendo. Para min é un paso importante na miña carreira e estou con moitas ganas de aportar ao equipo e seguir formándome como xogador”, explica Starna.

O bonaerense defínese como “un porteiro de gran porte, áxil, con boa lectura de xogo e sólido baixo paus” e promete poñer o seu esforzo ao servizo do grupo desde o primeiro día. “Chego con moitas ganas de achegar traballo e compromiso ao grupo. No individual, quero seguir crecendo como ‘arqueiro’ e estar sempre preparado para dar o mellor cando me toque. No grupal, o meu obxectivo é sumar desde o primeiro día, axudar a que o equipo sexa competitivo en cada partido e pelexar polos obxectivos que nos marquemos. Estou convencido de que con traballo poderemos asinar unha boa tempada”, avanza ilusionado.

Finalmente, Starna tamén tivo tempo para dirixirse á Familia Laranxa. “A toda a afección do Burela quero agradecerlle xa polo recibimento e o apoio. Estou moi ilusionado con esta nova etapa e con moitas ganas de defender estas cores. Imos deixar todo en cada partido para que sentan orgullosos do equipo. Vémonos pronto no pavillón!”, conclúe.

Exit mobile version