Montse Prado: “O plan deste ano consiste en facer o mesmo: pechar 750 camas e ter baixo mínimos quirófanos, probas diagnósticas e consultas”
Montse Prado criticou ademais que a Consellería de Sanidade pretenda cargar aos profesionais, que xa están “exhaustos”, a falta de profesionais, cubrindo baixas e vacacións mentres, dixo, a Consellería de Sanidade segue derivando cartos da sanidade pública para a privada, como sucedeu entre xaneiro a maio deste ano, cunha modificación de crédito de 20 millóns de euros. “Estanse burlando dos profesionais que se deixan o lombo durante todo o ano”, asegurou.
Nun contexto no que hai xa 360.000 persoas nas listas estruturais de agarda hospitalaria, a deputada nacionalista criticou especialmente o peche de 750 camas durante o verán, que xa se está a notar nos hospitais do País, advertiu, exemplificando con casos reais como o de Manuel, infartado de 95 anos que estivo nunha padiola dúas horas nos corredores de urxencias do HULA agardando por unha cama para ingresar; ou Mercedes, tamén no HULA, cun ictus, con arritmia e sen seguimento dun cardiólogo.
No CHUAC, denunciou, están a poñer tres camas por habitación nun espazo tan reducido que “xa non cabe nin un siĺlón e case teñen que saltar uns por riba doutros”. As urxencias dos hospitais están tamén “saturadas permanentemente”, cun cadro de persoal “tan en mínimos que en canto hai unha pequena incidencia todo salta polos aires” como sucedeu, dixo, coa intoxicación por salmonelose nun festival de música en Oza Cesuras.
O mesmo sucede, proseguiu, na Atención Primaria, para a que a Consellería de Sanidade presume de ter unha bolsa de voluntarios para cubrir gardas nos PAC esquecendo que “cando un facultativo ou facultativa fai unha garda no PAC ao día seguinte, evidentemente, non atende o seu cupo”. Criticou, así mesmo, a oferta de mobilidade temporal, deixando sen atender unha parte da poboación, ou a contratación de MIR “que non supón máis persoal porque xa están facendo a súa formación”.
A deputada nacionalista ironizou coa “reorganización” da Consellería de Sanidade para o verán, que consiste, afirmou, en “pechar centros de saúde de tarde, non cubrir vacacións, nin baixas e non reforzar as zonas que multiplican a súa poboación”. “Durante 13 días de xullo, os casos de urxencias dos cupos de tarde e mañá e visitas a domicilio do centro de saúde Pintor Colmeiro de Vigo van ser derivados ao PAC de Vigo”, exemplificou.
As propostas do BNG
Montse Prado defendeu unha moción no Pleno para pedir á Consellería de Sanidade que rectifique o plan de verán. Iniciativa que o PP rexeitou e na que se reclamaba, entre outras cuestións, garantir a accesibilidade á atención primaria, coa substitución dos e das profesionais e co reforzo nos centros de saúde e PACs das zonas con maior aumento poboacional durante o verán, así como rematar coa política de precariedade e explotación na contratación, poñendo en marcha un plan de captación e fidelización de profesionais, con ofertas atractivas e competitivas tanto no ámbito económico como das condicións laborais.
Realizar os contratos pola causalidade que os orixina e por todo o tempo da mesma, non pechar unidades de hospitalización e ter operativos todos os recursos ( camas, quirófanos, probas diagnósticas) son outras das medidas recollidas na moción do Bloque, que demandaba ademais reforzar con outra ambulancia medicalizada, SVA, na época estival, as zonas de alta afluencia de visitantes de Sanxenxo e O Grove ou garantir a atención nos centros de saúde por parte dun pediatra especialista para todos os nenos e nenas que o precisaren.”
Modificación orzamentaria de 30 millóns de euros
O BNG demandou, por outra banda, que se presente no Parlamento un informe sobre as modificacións orzamentarias feitas pola Consellería de Sanidade, tanto no que se refire aos case vinte millóns de euros derivados á privada entre xaneiro e maio como da transferencia de crédito de 30 millóns de euros destinados á produtividade fixa do persoal do Sergas, que pasan a produtividade de factor variable, “para pagar si fan ampliación de xornadas, si fan esas quendas marabillosas ou se fan peonadas”.
“Como é posible que teñan orzados 30 M€ en produtividade fixa que podan eliminar? Iso o que pode significar é que non hai os profesionais que din, que pintan o orzamento como lles da a gana e que nos menten os galegos e as galegas”, sostivo.