O voceiro do BNG, Pablo Vizoso: “Tal e como sospeitabamos, o importe das facturas de 2024 pendentes de pago é superior á cifra inicialmente publicada. Segundo o informe de intervención que nos denegaron en numerosas ocasións, e que finalmente obra no noso poder, podemos afirmar que o importe ascende a 952.791,76€. Este é un dato incuestionable: así consta no informe de intervención. Todo o gasto descontrolado que levamos meses e meses denunciando acaba tendo un custo real. Non son só cifras, estamos a falar de persoas físicas e xurídicas que levan bastante máis de un ano agardando a recibir o pagamento polos traballos que realizaron para o Concello. Familias enteiras que dependen en maior ou menor medida destes pagos”.
Vizoso engadiu: “O goberno do PP é directamente responsable desta situación crítica. O prestixio da institución está polo chan, e como xa anunciamos, no ano 2024 só puideron declarar aforros por valor de 224.753€. Cando e como pensa pagar o alcalde estas facturas? Como van pagar se xa hai un bo número de partidas esgotadas no orzamento do 2025? E todo isto tendo en conta que aínda queda a metade do ano. Daniel Vega e o goberno municipal do PP deben reaccionar se non queren acabar con todo; que o fagan polas e polos ribadenses que son aos que se deben”.