Olalla Rodil ”a veciñanza de Vilalba vén amosando unha importante preocupación pola merma do servizo sanitario”
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) en Vilalba viven 13.381 persoas que son atendidos por 7 dos 11 facultativos cos que se debería contar, 3 menos debido a 2 xubilacións e 1 baixa. Tamén se sofre unha reducción de persoal no servizo de enfermería, no cal non se estan cubrindo as vacacións dos profesionais. O mesmo pasa co servizo de pediatría onde en Vilalba existen 2 prazas e a día de hoxe as crianzas non teñen atención pediatrica
“A veciñanza de Vilalba vén amosando unha importante preocupación pola merma do servizo sanitario e por iso lle solicitamos ao goberno da Xunta de Galiza que garanta a asistencia sanitaria plena e que se dote a este centro de todo o persoal sanitario” denuncia Rodil.
“Desde o Bloque Nacionalista Galego compartimos a preocupación veciñal pois situacións semellantes vividas noutros concellos rurais demostran que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza non dubida en deixar baleiras e mesmo recortar prazas de médicas e médicos” declarou a deputada nacionalista.
Para o BNG é fundamental que servizos públicos esenciais como a sanidade e a educación se manteñan coa máxima calidade en todo o País pero máis aínda nos concellos rurais pois o peche ou merma destes non fai máis que afondar no despoboamento. Non pode pregoarse o compromiso co rural e logo converter a vida das persoas que viven nel nunha carreira de obstáculos á hora de recibir prestacións básicas, como a sanitaria.