Rosana Pérez denunciou o bloqueo do decreto de artes e aparellos e reclama a implicación real do sector na elaboración das novas normas
“Non sabemos se están realmente traballando nesa reforma ou se quedou, coma outras veces, nun simple anuncio para a galería”, advertiu a deputada nacionalista, quen puxo o foco especialmente no Decreto 15/2011 de Artes e Aparellos, un texto clave para a ordenación do sector que leva máis de catorce anos sen actualizarse, a pesar das reiteradas demandas das confrarías e dos profesionais do mar.
Pérez tamén denunciou o malestar expresado publicamente pola Federación de Confrarías de Pontevedra pola falta de diálogo coa Consellería do Mar e cuestionou que se estea contando de forma efectiva coa participación do sector neste proceso. “É fundamental que esta reforma non se faga de costas ao sector, porque son eles os que mellor coñecen as necesidades e as deficiencias da normativa actual”, subliñou.
A deputada do BNG insistiu na urxencia de simplificar e racionalizar a actual normativa, marcada pola hiperregulación e a dispersión normativa, pero advertiu que esta simplificación “non pode supoñer unha rebaixa nos estándares de protección nin para o ecosistema mariño nin para os dereitos dos traballadores e traballadoras do mar”.
Por último, Pérez exixiu ao goberno galego que concrete en que fase se atopa esta reforma, cando se prevé que estea finalizada e como se está garantindo unha participación efectiva do sector pesqueiro no proceso. “O sector leva moitos anos esperando e xa non admite máis demoras”, concluíu.