Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta novamente á Xunta a rematar a senda peonil Vilaúde-Reirado, entre Alfoz e O Valadouro

Cinco anos despois de que o Concello de Alfoz remitirá a proposta á Xunta e medio ano despois de ser aprobada por unanimidade no Parlamento a proposta do BNG a Xunta sigue sen acometer a obra

Alfoz, 2 de xullo, 2025. A senda peonil entre os concellos de Alfoz e O Valadouro foi iniciada na década pasada, pero que a día de hoxe está sen rematar, pois quedan pendentes de executar 600m, despois de que o concello de Alfoz en febreiro de 2020 remitira unha proposta á Xunta para acabar este vial peonil que discorre de Vilaúde a Reirado paralelo á estrada de titularidade autonómica LU-160, e sen que a Xunta contestase a solicitude do concello. O tramo construido, tén unha lonxitude de 1.250m. e unha anchura de 2m.

“Do Partido Popular non nos podemos fiar nin cando vota sí ás nosas propostas”

Na mañá de hoxe, o deputado no Parlamento Daniel Castro e a alcaldesa Efigenia Maseda deron conta da situación na que se atopan os trámites para rematar esta importante infraestrutura peonil, trámites que por parte da Xunta até o de agora brillan pola súa ausencia.

Con data de 18 de novembro de 2024 o deputado mariñao Daniel Castro presentou no Parlamento unha Proposición non de Lei na que se instaba á Xunta de Galiza a rematar canto antes a senda peonil Vilaúde – O Reirado entre os concellos de Alfoz e O Valadouro. Esta PNL foi debatida no Parlamento o 19 de febreiro de 2025 sendo aprobada por unamimidade. O deputado nacionalista fixo fincapé na pouca seriedade do Partido Popular, que non atendeu a solicitude que lle fixo ao respecto o Concello de Alfoz xa no 2020 e agora aproba a proposta do BNG pero non move ficha. “Do Partido Popular non nos podemos fiar nin cando vota sí ás nosas propostas”, afirmou.

A senda é cada vez máis necesaria para a mellora da mobilidade na zona

A alcaldesa Efigenia Maseda manifestou que “esta senda está sendo utilizada por moitos veciños e veciñas e precisamos con urxencia que sexa rematada na súa totalidade para que poidan disfrutala con total garantía de seguridade tanto os de Alfoz coma os de Ferreira”, e afirmou tamén que a día de hoxe o Concello de Alfoz ainda non recibíu ningunha comunicación da Xunta de Galicia a respecto desta senda peonil, a pesar de que a proposta no Parlamento foi aprobada por unanimidade.

Daniel Castro anunciou novas iniciativas no Parlamento para que a Xunta actúe de inmediato e poñéndose en contacto co Concello de Alfoz, dado que vai xa para seis anos de deixadez e abandono por parte da institución autonómica.

Exit mobile version