O portugués, que procede do KS Eurobus Przemysl polaco, convértese na quinta fichaxe do conxunto preparado por David Rial
Marco André Jesus Gomes, ‘Marquinho’ (Estreito de Câmara de Lobos-Madeira, 29/07/2000) compaxinou o fútbol e o fútbol sala na súa época de formación, xa que competiu durante cinco anos ao fútbol e despois pasouse ao 40×20 con 11 anos para xogar no Jardim da Serra, desde onde pasou ao Marítimo da Madeira, club no que pasou por infantís, cadetes e xuvenís, antes de dar o salto ao primeiro equipo, que compite na segunda categoría portuguesa. Tras varias campañas no Marítimo sénior desprazouse ao continente para enrolarse en novembro de 2023 no Ferreira do Zêzere, onde debutou na liga Placard xogando 15 partidos. O verán pasado regresou a unha illa, neste caso á Ilha Terceira dos Azores, para xogar 9 encontros co Sport Club Lusitânia, antes de partir no mes de xaneiro pasado para a aventura polaca.
Marquinho cumpre coa súa chegada cun vello anhelo, o de competir en España. “O Burela FS destaca pola súa humildade e esforzo constante para alcanzar as cotas máis altas a través do traballo duro. No meu caso, sempre traballei duro para ter algún día a oportunidade de xogar en España e síntome realizado e moi feliz por conseguilo”, apunta.
O ala zurdo portugués defínese como “un xogador moi traballador, humilde, apaixonado e con moitas ganas de aprender e evolucionar, tanto desde o punto de vista profesional como desde o persoal”, sinala. O madeirense espera “axudar ao equipo para conseguir os seus obxectivos e devolvelo á Primeira División, que é a mellor liga do mundo e o lugar no que merece estar o club”, afirma con ambición.
Finalmente, o novo futbolista burelista diríxese á Familia Laranxa. “Prometo dar o máximo de min en todas as circunstancias e respectar aos afeccionados por encima de todo para que podamos alcanzar o noso obxectivo todos xuntos”, conclúe.