Isma Samartino Obarro (A Fonsagrada, 1991) arribou a Burela desde O Parrulo no verán de 2021 como primeira incorporación para o equipo que dirixiu Alberto Riquer en Primeira División. Isma xa deixou na súa estrea como laranxa mostras da súa calidade e versatilidade na máxima categoría, xa que chegou como peche e tamén xogou como á e este último curso mesmo o fixo como pívot nalgunhas ocasións. Despois dunha tempada dura, que terminou nun descenso moi temperán e na que xa foi un xogador fundamental, Isma gañou aínda moitos máis galóns en Segunda División, xa con David Rial á fronte do barco burelista. Logo de rozar o ascenso a Primeira de novo na 22/23, o premio chegáballe un ano máis tarde co ascenso no play off e a volta á elite do conxunto laranxa. Nesta campaña recentemente finalizada Isma volveu demostrar a súa contundencia e carácter dentro da pista, que conleva sempre un gran traballo a nivel defensivo, ademais de non estar exento de calidade co balón dos pés á hora de ver o xogo e trazar grandes asistencias aos seus compañeiros ou de encarar o marco contrario. Terminou a tempada con 6 goles.
Isma tamén deixou unha emotiva despedida para a Familia Laranxa: “Veño anunciarvos que tristemente os nosos camiños vanse separar. Voume triste porque sinto que o club non queda no lugar que merece, que non é outro que a Primera División, pero tamén sinto que me podo ir tranquilo porque sempre intentei dar o mellor de min e baleireime para que todo fora o mellor posible. É inevitable que sinta que quedo en débeda con todos vós porque todo o cariño e respecto que me demostrastes durante estes catro anos creo que é impagable. Para min Burela, o club, e Burela, o pobo, marcan moito a miña vida e sen dúbida marcho como xogador, pero quedo como afeccionado e volverémonos ver nas bancadas de Vista Alegre seguro, porque aínda que agora todo pinte un pouco escuro, estou seguro de que pronto sairá o sol e con esta xente que queda, que coñezo moi ben, as cousas volverán a bo rumbo e estou convencido de que pronto se volverá desfrutar e olvidar esta época un pouco convulsa. Moitas grazas de corazón a todos”.