A nova etapa do CB Celtas comeza cunha dirección nova, marcada pola xuventude e profundamente vinculada ao baloncesto local. Carmen Alonso Pérez, de 27 anos, é a actual capitana do equipo sénior feminino e asume a presidencia converténdose na primeira muller en liderar o club dende a súa fundación no ano 1979.
Acompáñana Cristina Paz López, de 27 anos, tamén ex xogadora, como vicepresidenta, e Ángel Cao Rego, de 29 anos e xogador imprescindible do equipo sénior masculino como tesoureiro. Cao segue así o legado familiar no club, xa que seu pai foi presidente e adestrador do mesmo en diferentes etapas.
Completan a nova directiva Darío Romero e Emilio Fraga “Tobaneko”, que continúan dende a anterior xestión, e Carlos Méndez “Madar”, que asume o papel de coordinador da base, co obxectivo claro de reforzar a canteira e garantir o futuro do baloncesto en Foz.
A nova directiva do CB Celtas destaca o seu firme compromiso co establecemento dunha base que consolide un proxecto deportivo sostido no tempo. Tamén se manterá o apoio aos equipos sénior, incluíndo o único equipo sénior feminino da Mariña Lucense, o que fai do CB Celtas un referente do baloncesto feminino na comarca.
Con esta nova etapa, o CB Celtas de Foz comeza unha nova etapa con ilusión e enerxía para que o baloncesto siga medrando en Foz.