Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Alfoz inicia o expediente para solicitar a declaración dos chóferes como Festa de Interse Turístico

Alfoz, 29 de xullo de 2025. O Concello de Alfoz vén de iniciar o expediente administrativo para que a Festa dos Chóferes sexa declarada Festa de Interese Turístico. A decisión coincide coa celebración da súa 59.ª edición, que terá lugar os días 1, 2 e 3 de agosto de 2025, e que o vindeiro ano cumprirá sus 60 anos de historia, consolidándose como un dos eventos máis emblemáticos da comarca da Mariña Lucense.

A alcaldesa e responsable de Turismo, Efigenia Maseda, subliña que “esta festa é moito máis ca unha celebración: é unha mostra da nosa identidade colectiva. Durante case 60 anos, veciños e veciñas de todas as parroquias uníronse para manter viva esta tradición que honra o traballo dos condutores e fortalece os lazos comunitarios”.

Neste sentido, Maseda engade que “desde o Concello consideramos que a Festa dos Chóferes merece o recoñecemento como Festa de Interese Turístico pola súa continuidade histórica, pola implicación social que implica e polo potencial que ten como atractivo cultural e turístico dentro de Galicia”.

A festa, organizada pola Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, rende honra ao patrón dos condutores e combina actos litúrxicos con animadas verbenas e unha espectacular procesión automobilística que percorre todas as parroquias do concello.

Programa previsto para 2025 (1, 2 e 3 de agosto)

Venres 1 de agosto: apertura da festa a partir das 23:00 h coa primeira verbena ofrecida pola discoteca móbil e orquestra Finisterre.

Sábado 2 de agosto: misa solemne ás 13:00 h, sesión vermú coa orquestra Magos e verbena nocturna cunha segunda orquestra (Metrópolis).

Domingo 3 de agosto: procesión de vehículos polas parroquias ás 11:00 h, misa solemne e bendición dos coches ás 13:00 h, seguidas da sesión vermú e verbena final a cargo do grupo Montreal.

Co expediente iniciado, o goberno local busca obter o recoñecemento oficial que permita un mellor apoio institucional e difusión turística, así como un maior engrandecemento da festa. Con preto de seis décadas de tradición, a Festa dos Chóferes convértese nunha cita imperdible tanto para os veciños como para visitantes de toda Galicia.

Orixe e tradición

Desde o seu nacemento na década dos anos sesenta, a procesión de coches como homenaxe aos condutores é o sinal de identidade da festa. Dende 1965, o evento reivindica a importancia dos automóbiles adornados e xunta centos de vehículos que desfilan en procesión e reciben a bendición final na igrexa de San Pedro de Mor.

Exit mobile version