Na contorna de Sargadelos, o Concello xa leva actuado sobre máis de 200 exemplares de acacia, nunha loita activa contra unha das especies invasoras máis problemáticas do noso territorio
Durante esta xornada de traballo colaborativo, na que tamén participaron voluntarios de Alcoa e o alumnado do Obradoiro de Emprego de Xardinería, realizáronse labores de eliminación desta especie, que supón unha seria ameaza para a biodiversidade e a paisaxe galegas debido á súa capacidade de adaptación e propagación.
A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, achegouse ata o lugar para supervisar e apoiar esta actividade, que consistiu na aplicación dun método ecolóxico de eliminación da casca dende a base ata aproximadamente 1,5 metros de altura. Este procedemento busca interromper os sistemas de transporte de nutrientes da planta, impedindo que o zume elaborado chegue á raíz, provocando así a súa morte progresiva.
Na contorna de Sargadelos, xa se actuou sobre máis de 200 exemplares de acacia, nunha loita activa contra unha das especies invasoras máis problemáticas do noso territorio. A súa elevada capacidade de rexeneración, a dispersión eficaz das sementes e a habilidade para inhibir o crecemento doutras especies autóctonas baixo a súa copa fan que a súa presenza teña un grave impacto nos ecosistemas locais.
O Concello de Cervo agradece a colaboración de todas as entidades e voluntariado implicado nesta iniciativa, que exemplifica a importancia do traballo conxunto na conservación do noso patrimonio natural.