Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo insta á Deputación a actuar nas estradas provinciais “que están invadidas pola maleza, ante o risco que supón para a seguridade da veciñanza”

Desde a Administración local alertan do perigo que supón a vexetación descontrolada en varias vías provinciais, tras un informe emitido pola Policía Local que advirte dun risco real de accidentes

Cervo, 3 de xullo do 2025.- O Concello de Cervo vai instar formalmente á Deputación de Lugo á roza inmediata das vías de titularidade provincial que atravesan o municipio, debido ao preocupante estado de abandono no que se atopan, con maleza que invade os arcéns en ambos marxes e que supón un serio risco para a seguridade viaria e para a veciñanza.

A petición chega tras unha inspección realizada pola Policía Local, que recolleu nun informe a situación actual de varias estradas provinciais: a L-15-2 (desde Burela, pasandopor Vilaestrofe ata Rúa), a L-15-3 (que transcorre por Ríocobo, Castelo, Trasbar e San Román), a L-15-4 (que pasa por Ríocobo, Viladesuso e Sargadelos), a L-15-6 (que une Cervo e Rueta), a L-15-8 (que pasa polo Paraño e Figueirido) e a L-15-10 (carretera da Costa).

Segundo o informe policial, o crecemento descontrolado da vexetación está a invadir as marxes en ambos sentidos, limitando a visibilidade, reducindo a anchura útil da vía e aumentando o risco de accidentes.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, sinalou que “se trata de vías con moita circulación, que comunican diferentes núcleos do noso concello, polo que é importante garantir que estean en boas condicións para a seguridade de todos”. Tamén comentou que “levamos tempo trasladando esta situación e consideramos necesaria unha actuación canto antes, por responsabilidade, por salubridade, e polo benestar da nosa veciñanza”.

Desde o Concello, insístese na importancia de contar cun plan de mantemento regular para estas estradas, lembrando que a súa conservación corresponde á Deputación de Lugo.

Ademais, lémbrase que o ano pasado as tarefas de roza se realizaron no mes de setembro, nun prazo pouco axeitado tendo en conta que o crecemento da vexetación comeza xa en maio, polo que se solicita que nesta ocasión se planifique e execute a intervención en tempo e forma para evitar que se repita esa situación.

Exit mobile version