Esta actuación non foi autorizada e afecta a unha parcela de titularidade pública, o que motivou que desde o Concello se actúe con firmeza para defender o que é de todos os veciños e veciñas de Trabada.
Trátase da terceira denuncia presentada nos últimos meses por feitos similares, tras detectarse anteriormente dúas cortas máis en terreos municipais sen contar cos permisos necesarios. Ata o de agora, estas irregularidades non foran feitas públicas, mais desde o goberno municipal considérase que esta reiteración dos feitos por parte da empresa require xa dunha actuación firme e contundente.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “desde o Concello non imos consentir que ningunha empresa, sexa de onde sexa, se apropie do que é público nin actúe ao marxe da legalidade. O noso compromiso é coa defensa do patrimonio común e co interese xeral da veciñanza”.
Engadiu ademais que “a nosa obriga é protexer o que é de todos e actuar cando se producen este tipo de feitos que consideramos moi graves”.
Desde o Concello de Trabada lembran que as masas comúns e os bens públicos son responsabilidade de toda a comunidade, polo que calquera actuación sobre eles debe estar debidamente autorizada e respectar os procedementos establecidos.