Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro recepciona as obras de mellora na Rúa do Porto de Celeiro e nas beirarrúas de Magazos

As actuacións, cun investimento conxunto de máis de 790.000 euros, melloran a accesibilidade, a seguridade viaria e os servizos urbanos en dúas zonas estratéxicas do municipio

Viveiro, 17 de xullo de 2025. O Concello de Viveiro vén de recepcionar dúas actuacións urbanas de gran relevancia: a remodelación integral da Rúa do Porto en Celeiro e a renovación das beirarrúas en Magazos, que supuxeron un investimento total de máis de 790.000 euros.

A intervención na Rúa do Porto, cun orzamento de 680.704,78 euros, tivo como obxectivo a renovación completa dos servizos urbanos e a mellora da urbanización de varios viais do núcleo urbano de Celeiro. A actuación centrouse nunha zona clave para a actividade económica e social do municipio, xa que se trata do acceso principal á fachada marítima de Celeiro e ás instalacións portuarias.

O proxecto incluíu a intervención integral no cruce da rúa Lavandeiras, a LU-P-6612 e a propia Rúa do Porto, así como nas beirarrúas, zonas de aparcamento e calexóns anexos. Renováronse todas as infraestruturas soterradas —abastecemento, saneamento, rede de pluviais, iluminación pública, telecomunicacións e electricidade—, completándose coa pavimentación e a instalación de novo mobiliario urbano.

A obra foi posible grazas a un convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro, Portos de Galicia e a Deputación de Lugo, cunha achega municipal de 136.140 euros e unha achega provincial de 544.563 euros.

Tamén foi recepcionada a actuación de mellora das beirarrúas no marxe esquerdo da estrada LU-540 ao seu paso por Magazos, entre os puntos quilométricos 1+140 e 1+910. Cun investimento de 110.795,19 euros, esta obra permitiu renovar un tramo peonil de 750 metros, mellorando a seguridade viaria e renovando tamén a rede de abastecemento de auga.

Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, destacou a importancia destas actuacións “para mellorar a calidade de vida da veciñanza, modernizar os servizos e favorecer un urbanismo máis accesible e funcional”. Agradeceu tamén “a implicación das administracións implicadas por facer posibles estas melloras fundamentais para o municipio”.

Exit mobile version