Site icon Crónica3.com A Mariña

O Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos viviu unha emotiva e alegre xornada de homenaxe popular a Isaac Díaz Pardo

Cervo, 14 de xullo, 2025. As persoas e asociacións organizadoras expresan o enorme agradecemento aos centos de persoas que se achegaron a Sargadelos a honrar a memoria de Isaac Díaz Pardo.

A mañá iniciouse coa contorna do canal adornado para a ocasión. A sala das carboeiras completou a súa cabida con gran presenza de extraballadoras e extraballadores que se xuntaron para emocionarse co documental «As miradas de Isac», creado pola súa neta, Cecilia Díaz Betz, no que o propio artista e emprendedor relata a súa vida e proxectos empresariais para dignificar Galiza.

Abriu o acto Alba Fernández Rubal coa lectura do poema «Man a man», dedicado a Isaac polo seu amigo, o poeta Claudio Rodríguez Fer. A continuación, o gaiteiro de vangarda viveirense David Bellas interpretou unha peza composta ex professo para esta homenaxe, mesturando tradición e vangarda á maneira que Isaac utilizaba para xerar riqueza.

Ao mediodía, Sargadelos rememorou as merendas tradicionais con comida caseira, e abundante, gaitas, pandeiretas e bailes espontáneos que recuperaron a alegría de fiarolas e festas de campo de antano.

Á tarde, o recinto das carboeiras volveuse encher cunha mesa redonda amena e participativa na que se relataron con gran emoción e respecto anacos da memoria de Isaac e da semente fértil que deixou.

Camilo e Xosé, fillos de Isaac e Mimina, achegaron, entre outras moitas cousas, datos sobre o nacemento da idea na cabeza de Isaac de recuperar Sargadelos (por influencia do pintor Felipe Bello Piñeiro, amigo do pai de Isaac) ou a creación do Laboratorio de Formas, de onde parten todas as iniciativas empresariais nas que se esforzou Isaac na súa vida, sempre en beneficio colectivo de Galiza. Quedou claro o seu rechazo a iniciativas especuladoras e o desexo de que toda a riqueza revertese no progreso de Galiza.

Juan Carlos Enríquez, extraballador da cerámica, recordou, entre moitas anécdotas, os métodos de traballo fomentados por Isaac na fábrica, que buscaban a participación do persoal, e as innovadoras técnicas ideadas entre Isaac e o seu fillo Camilo, copiadas incluso no resto de Europa. Tamén relembrou as múltiplas iniciativas culturais que patrocinou, nomeadamente as experiencias e escola libre de verán («cursillos») que dinamizaron a comarca con teatro de vangarda, exposicións, conferencias, cine, coloquios…

Fernando Redondo Neira, sobriño de Xosé Neira Vilas e presidente da súa fundación, recordou a intensa relación de amizade entre Xosé e Anisia, e Isaac e Mimina e as súas estadías en Sargadelos. Resaltou a disposición que Isaac tiña en todo momento ante calquera iniciativa cultural que se lle presentase en beneficio de Galiza. El sempre colaboraba e promocionaba, como por exemplo, na edición do best-séller «Memorias dun neno labrego», que nunca sería publicado en Galiza se non chega ser polo pulo de Isaac.

No coloquio posterior, cunha sala chea de persoas emocionadas e desexosas de mostrar o seu respecto pola obra e iniciativas de Isaac, participaron traballadoras e traballadores, veciñanza e persoas que colaboraron con el nas súas múltiples iniciativas e que, entre diversas anécdotas, coincidiron en valorar a gran influencia e beneficios producidos polos emprendementos isaquianos na comarca e en Galiza, tanto económicos como culturais e sociais.

Miro Casabella quixo pechar o acto lembrando cando hai 50 anos actuou en Sargadelos e mostrando o orgullo da gran amizade que mantivo con Isaac. Explicou cando lle encargara interpretar os seus cantares de cego e deleitou ás persoas presentes entoando coa súa zanfona (comprada despois da insistencia de Isaac) o cantar «O Marqués de Sargadelos».

A homenaxe, xa convertida en festa, continuou no bar cultural A Sacabeira, en que entre os contos e a presentación do cervense Caxoto, celebrouse unha emotiva velada musical.

En tanto continuaban as merendas na contorna natural de Sargadelos, Miro Casabella debullou un repertorio de exquisita música medieval con zanfona e guitarra así como as cancións reivindicativas dos anos 70 que sempre lle reclamaba Isaac.

Rematou o concerto coa actuación de Catro nun Zoco, grupo do histórico Mini acompañado pola violinista Mariña Quintillán e as súas fillas Navia e Iria Rivas. A voz poderosa e comprometida de Mini resoou en honra de Isaac reforzada pola colaboración das voces femininas e un experto violín. A memoria de Isaac non podía ter mellor acompañamento.

Organizadoras e organizadores “estamos inmensamente contentos e orgullosos da alegría e respecto que inundou toda a xornada. Isaac, máis unha vez, volveu proporcionar riqueza a este pobo. Grazas e até o ano que vén!”.

«Porque se algo é mentira, compañeiros, é que morreu Isaac.» (Claudio Rodríguez Fer)

Exit mobile version