Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista lamenta que o conselleiro de sanidade “ataque aos facultativos de Cervo que avisaron da redución dos servizos médicos no verán”

Lara Méndez puntualiza que a xerencia da Área Sanitaria “non dixo nunca que fora mentira, pero prohibiron poñer carteis informativos”

Santiago de Compostela, 09 de xullo de 2025. A parlamentaria socialista Lara Méndez lamentou hoxe que o conselleiro de Sanidade atacara aos facultativos de Cervo por avisar aos pacientes da redución drástica dos servizos médicos nos centros de saúde de Cervo e de San Ciprián durante o verán. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que responsabilizou ao PP da “situación límite, precaria e preocupante” da sanidade pública, sinaladamente en Cervo.

Méndez presentou esta pregunta logo de que os profesionais médicos alertaran de que a partir do pasado luns só haberá unha médica para os dous centros atendendo entre as 10,20 e as 15,00, que atenderá “sen citas previas” pola supresión da atención programada. A partir de aí “os que non teñan sorte de ser atendidos terán que ir ao PAC ou volver ao día seguinte”, polo que “queremos que Cervo sexa destino turístico, pero os turistas teñen que vir saniños da casa”.

A responsable socialista lamentou que o conselleiro, en lugar de tomar medidas para reforzar a sanidade nunha localidade que triplica a poboación no verán, pasando de 4.000 a 12.000 habitantes, cargue contra os médicos. Advertiu que “o que fixo foi chamar mentirosos a uns facultativos que o único que fan é avisar aos veciños e veciñas para que non se atopen co petate”, malia que a xerencia “en ningún caso desmentiu estes avisos, senón que prohibiu poñer carteis”.

Lembrou que a responsabilidade da falla de médicos e da situación límite da sanidade galega é “dos recortes de M. Rajoy” e do PP que onte desbotou a oportunidade de apoiar a proposición de Lei defendida polo portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, para garantir atención primaria nun máximo de 48 horas. Méndez presentou esta pregunta no Pleno do Parlamento ao que asistiron a portavoz do grupo municipal socialista, María Luján, e veciños e veciñas do concello.

Exit mobile version