Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que asuma “cando menos” un terzo do financiamento da nova Edar de Barreiros, como se tiña comprometido en 2010

Lara Méndez responsabiliza ao goberno galego de “despilfarrar fondos” ao paralizar o proxecto durante 15 anos nos que o custe pasou de 2,3 a 6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025. A parlamentaria socialista Lara Méndez reclamoulle hoxe ao goberno galego que “cando menos” cumpra co compromiso acadado en 2010 para asumir o financiamento dunha terceira parte da Edar de San Miguel de Reinante, en Barreiros. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que desbloquee este proxecto “logo de 15 anos de dimes e diretes”.

Advertiu que o empeño do goberno galego de “sacar balóns fora, dilatar procesos e poñer deberes a terceiros” está a provocar o “despilfarro e gasto innecesario de recursos”, xa que o proxecto, que inicialmente custaría 2,3 millóns de euros, neste momento ten aumentado ata os 6 millóns. Reclamoulle ao goberno galego que dispoña a súa parte ben a través dos 104 millóns de orzamento de Augas, a través do canon da auga que “utilizan de forma partidista” ou ben con fondos propios.

Sinalou que “ten que haber un compromiso decidido que non se pon de manifesto” por parte do goberno galego, que paralizou en primeiro lugar o proxecto de 2011, que retomaron en 2017 cun novo proxecto grazas á presión exercida polos socialistas galegos dende 2015, pero que seguen a dilatar dende o ano 2018.

Reivindicou unha “boa redistribución” de fondos, que sexa “xusta, equitativa e que corrixa desigualdades”, en contra da xestión discrecional por criterios políticos do PP, que mentres paralizaba o proxecto de Barreiros si que tiña fondos para financiar obras semellantes en Ribadeo ou Cervo. Ademais, afeoulle que sinalen ao goberno central ao que lle trasladan “como se debe facer o proxecto porque á Xunta interésalle dividilo en dous para ver se despois o financia ou non”.

Exit mobile version