Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pavillón da Veiga de San Cibrao acollerá este sábado o VI Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa

A competición comezará ás 10:00 horas e desenvolverase durante toda a xornada; haberá trofeos para os catro primeiros clasificados

Cervo, 21 de xullo de 2025. O Pavillón da Veiga, en San Cibrao, será o escenario este próximo sábado, 26 de xullo, do VI Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa, organizado polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración co Concello de Cervo.

A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, polo coordinador da sección de Tenis de Mesa do CD San Ciprián, Fernando Fernández, e polo xogador local Estéfano Berruezo.

A competición contará con medio cento de participantes procedentes de diferentes clubs de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela a Mancha ou Italia. Está previsto que comece ás 10:00 horas e prolongarase durante toda a xornada do sábado. Haberá trofeos para os catro primeiros clasificados.

A alcaldesa apuntou que é unha grande satisfacción para nós acoller unha vez máis o Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa, da man do Club Deportivo San Ciprián. Este evento xa se consolidou como unha cita deportiva imprescindible no noso calendario local estival, non só polo seu nivel competitivo, senón tamén polo ambiente de convivencia, deporte e participación que promove.

Dende o Concello “queremos agradecer profundamente o traballo incansable do Club Deportivo San Ciprián, neste caso a través da súa sección de tenis de mesa, que con ilusión e esforzo fai posible que o tenis de mesa teña un espazo destacado na nosa vila.
Animamos a toda a veciñanza e visitantes a achegarse este sábado para gozar dunha xornada de deporte no pavillón da Veiga”.

Exit mobile version