Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP advirte que “en Asturias e Cantabria seguen viaxando gratis no FEVE mentres que en Galicia hai que volver pagar”

Os senadores do PP lucense advirten dunha “nova discriminación a Galicia” trala finalización da gratuidade nos servizos de cercanías de Renfe que non afectará a Asturias e Cantabria que se benefician doutras aportacións

A Mariña, 2 de xullo de 2025. O senador mariñán do Partido Popular, José Manuel Balseiro, explica que “o Goberno de Sánchez recoñece unha nova discriminación a Galicia”. Neste caso, “á provincia de Lugo, á Mariña lucense, e ás comarcas coruñesas de Ortegal e Ferrolterra”.

Ante a pregunta dos senadores lucenses –José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- e ferroláns – José Manuel Rey Varela e Verónica Casal- sobre a razón pola que os usuarios do tren de ancho métrico (FEVE) en Asturias e Cantabria viaxan gratis e en Galicia (Ribadeo-Ferrol) teñen que pagar; “o Goberno de Sánchez confirma que nas primeiras Comunidades se benefician dende o 2023 dunha aportación económica para a gratuidade das cercanías ferroviarias, ata a entrega das novas unidades de trens pendentes, para compensar o erro na medición de trens que non caben polos túneles atrasando a súa construción e entrega.

O senador mariñán pregúntase cal é o criterio para esta diferenciación na mesma liña porque “mentres en Asturias e Cantabria viaxan gratis, en Galicia temos que pagar”. De feito, “o propio Goberno informa que o Real Decreto-ley mediante o que se prorrogaba a gratuidade dos títulos multiviaxe de Renfe para os servizos de Cercanías, Rodalies e Media Distancia estivo en vigor ata o 30 de xuño de 2025”.

Balseiro engade que “a gratuidade da que disfrutabamos os galegos, igual que en toda España, foi temporal. Os cántabros e asturianos xa disfrutaban da gratuidade dende o 2023 e agora continúan viaxando gratis, mentres que os galegos temos que pagar, incluso a pesar de dispoñer dun servizo deficiente e que protagoniza moitas incidencias”.

Hoxe un veciño de Ribadeo merca un billete para viaxar a Gijón ou a Ferrol e ten que pagar, “pero un veciño de Vegadeo -a 10km- compra un billete para viaxar aos mesmos sitios e non ten que pagar nada”.

O representante popular subliñou que “non estamos en contra de que noutras comunidades viaxen gratis. Todo o contrario”. Pero, defende tamén que “os galegos non queremos ser máis, pero tampouco queremos ser menos que ninguén”.

Exit mobile version