A actuación, anunciada con grandes promesas a principios de 2025, contaba cun orzamento de arredor de 68.000 euros, pero actualmente está completamente paralizada
A modificación do sentido do tráfico obrigou a numerosos veciños a dar longos rodeos para acceder aos seus garaxes. A solución proposta polo alcalde -construír un novo acceso- foi presentada como unha mellora, cando en realidade foi consecuencia dunha decisión errada do propio goberno local.
“É outro exemplo máis de obras interminables de Cajoto que, neste caso, creou un problema aos veciños dunha urbanización no barrio das Torres no seu afán de modificar o tráfico, e agora houbo que gastar 68.000 euros en facer un acceso que antes era innecesario. Esa é a súa forma de proceder: improvisar e gastar os cartos dos demais”, sinala o voceiro d PP de Foz, Javier Castiñeira.
A obra, financiada con fondos do ano 2024 e iniciada no primeiro trimestre de 2025, leva meses sen avances. Non se observan traballos nin presenza da empresa adxudicataria, e o silencio do Concello aumenta a preocupación veciñal. “Os veciños están preocupados. Non saben se hai problemas coa contrata, falta de financiamento ou algunha disputa técnica. O que está claro é que non se lles dá ningunha resposta”, lamenta Castiñeira.
Esta situación non é un caso illado. Os populares lembran que a obra da rúa Irmandiños, no barrio das Casas Baratas, leva anos sen finalizar, a pesar das promesas do alcalde. “Cajoto sempre anuncia con pompa o inicio das obras, pero nunca di cando rematarán. Necesitamos un goberno serio e que respecte aos veciños” apunta o voceiro popular.
O PP de Foz esixe ao alcalde que dea explicacións públicas e tome medidas inmediatas para reactivar as obras e evitar que este vial quede no esquecemento, como outras actuacións mal xestionadas polo actual equipo de goberno.