Os populares trasladan esta petición a instancia de numerosos veciños así como dos propios tendeiros e responsables dos postos ambulantes, que onte mesmo mostraron a súa preocupación e malestar por esta cancelación inesperada e sen alternativas
Os populares trasladan esta petición a instancia de numerosos veciños, usuarias e usuarios habituais do mercado, así como dos propios tendeiros e responsables dos postos ambulantes, que onte mesmo mostraron a súa preocupación e malestar por esta cancelación inesperada e sen alternativas.
O PP considera incomprensible que se adoptase esta medida sen consensuar cos principais afectados. Trátase de comerciantes que levan todo o ano traballando baixo condicións complicadas, cun inverno longo e duro, e agora vense privados dunha xornada de traballo en pleno verán, unha época clave para a súa economía.
Desde o Partido Popular propoñen unha solución viable e xa empregada noutras ocasións: trasladar o mercado á zona do Camiño Vello, en Malates, onde se celebrou anteriormente con éxito. Trátase dunha rúa que se pode pechar durante a mañá do martes sen afectar o acceso ao porto, perfectamente garantido. A Policía Local xa está afeita a organizar o tráfico nesta zona e os propios vendedores ambulantes son quen de autoorganizarse.
“Non entendemos como se pode suspender un mercado sen dar alternativas e sen falar coa xente. Estamos a falar de moitos postos que viven disto e que levan meses agardando o verán para recuperarse dun inverno longo. O alcalde aínda está a tempo de rectificar e permitir que o mercado se celebre, por exemplo, no Camiño Vello, como se fixo outras veces con éxito”, manifesta o voceiro popular, Javier Castiñeira.
O PP de Foz insta a Cajoto a actuar con responsabilidade e a priorizar os intereses da veciñanza e dos propios comerciantes. “Non se pode gobernar de costas á xente”, engade Castiñeira.