O PP de Lugo segue empeñado en falsificar a realidade da obra pública na provincia. Na crenza de que os lucenses comulgarán con rodas de muíño, e por razóns estritamente partidistas, queren investir a historia da última década e media atacando ao goberno presidido por Pedro Sánchez que puxo en marcha importantes investimentos na provincia rompendo coa absoluta parálise dos máis de seis anteriores baixo o goberno Rajoy.
Agora entra en escena o deputado Conde, que nos está concedendo titulares cun tufo de peloteo que moven a vergoña allea. Pero, se con iso non fose bastante, o deputado dedícase a manipular o sucedido coa obra pública en Lugo ignorando, por exemplo, que Alberto Núñez Feijoo incumpriu o seu solemne compromiso de facer chegar a Alta Velocidade a Lugo con fondos autonómicos. A verdade é que o PP non ten unha soa obra pública dalgunha envergadura que poidan citar durante o goberno de Rajoy a quen nin se lle moveu un pelo para facer algo por Lugo: paralizou todas as obras en marcha e non investiu un euro no ferrocarril ou nas autovías da provincia.
Choca a desenvoltura co que se pronuncia sobre corrupción o representante dun PP ao que até a data non se lle escoitou unha soa palabra de desculpa polo impresionante armazón de favores e ilegalidades que se descubriu no Ministerio de Facenda de Montoro ao que Rajoy sostivo durante todo o seu Goberno. O PP, o de Conde e compañía, nos seus anos de Goberno financiouse ilegalmente, creou unha policía paralela para perseguir ilegalmente a quen se lle opuxese e, agora sabemos, que as súas leis chegaban prefabricadas ao Parlamento, isto é, feitas previamente á medida dos sectores económicos máis poderosos. Con semellante currículo de indecencia na súa casa, que se atreva de lanzar a pedra sobre os seus adversarios pretendendo dar leccións de corrupción é dunha hipocrisía insoportable. Tomando as palabras do propio Conde, en efecto, o PP é un partido de máximos en corruptelas!!
A estas alturas, é evidente que o PP está lanzado a unha carreira desesperada por atacar ao goberno para tentar ocultar que as principais economías europeas se estancan, mentres que a economía española crece; e que o indubidable éxito do goberno de Pedro Sánchez consiste en asegurar que o crecemento económico é compatible con medidas fiscais e sociais que melloran a rede de protección para millóns de españois.
Feijoo lanzou ao PP á súa peor versión, á máis dura e intolerante na competencia que se trae coa extrema dereita a ver quen acaba cada día con máis barbaridades na mochila. Non debe estrañarnos que os seus acólitos queiran emulalo. Pero non á conta do silencio dos demais para coas súas mentiras.
César Mogo
Senador socialista por Lugo