Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lugo ve “sorprendente o silencio do PSOE lucense” ante o caso do seu portavoz en Cospeito investigado por un presunto delito de lesións á súa parella

Os populares esperan as decisións que cren que debería adoptar o PSOE lucense “de forma inmediata”

Lugo, 28 de xullo de 2025. O PP da provincia de Lugo esixe explicacións ao PSOE lucense ante a noticia do caso do seu portavoz en Cospeito investigado por un presunto delito de lesións á súa parella. De confirmárense os feitos relatados, deben ser “publicamente condenados”.

Os populares manifestan o seu “respecto á presunción de inocencia”, pero tamén consideran que, de confirmarse este tipo de comportamentos, “requiren o fondo rexeitamento por parte de todos”. Así, ven “sorprendente” en relación a este asunto “o silencio do PSOE na provincia e en Galicia, José Tomé, Lara Méndez e José Ramón Gómez Besteiro”.

Dende o PP de Lugo agardan “explicacións” por parte do propio voceiro do PSOE de Cospeito. “O feito de non declarar evidencia a pouca vontade por aclarar os feitos”, consideran.

Á vista de que “parece que o único que lle preocupa é a súa carreira política”, lembran que “continúa investigado”. Así, os populares esperan as decisións que cren que debería adoptar o PSOE lucense “de forma inmediata”.

Aos representantes públicos esíxesenos exemplaridade en calquera ámbito. E tendo en conta os presuntos feitos que se desenvolveron nun espazo público distan moito do comportamento que debería adoptar calquera representante público, agardamos a condena pública por parte de todos. Tamén do BNG.

Exit mobile version