Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Xove celebra a aprobación definitiva do convenio de estradas “tras dezaoito anos de parálise”

Os socialistas critican a incoherencia do BNG por opoñerse a un acordo esencial para mellorar as estradas do municipio

Xove, 31 de xullo de 2025. O PSdeG-PSOE de Xove celebra a aprobación definitiva, no pleno extraordinario celebrado este mércores, do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello para reparar a rede de estradas provinciais. A iniciativa permitirá investir máis de 1,6 millóns de euros na mellora viaria do municipio, con actuacións que beneficiarán de xeito directo a todas as parroquias.

A formación socialista considera cumprido un dos principais compromisos asumidos coa veciñanza nesta lexislatura. Destacan que este convenio foi posible grazas á colaboración socialista e que permitirá rematar con dezaoito anos de abandono das infraestruturas viarias. “Levamos anos soportando camiños en estado lamentable mentres PP e BNG miraban para outro lado. Agora que por fin se desbloquea a situación, o BNG vota en contra. Nin nós nin a veciñanza o entendemos”, sinalan desde a agrupación.

O PSdeG de Xove reafirma así a súa aposta por unha política útil, seria e comprometida co territorio. “Temos proxecto, principios e vocación de servizo para traballar polo noso pobo. Non estamos aquí para figurar, senón para facer cousas reais que melloren a vida da veciñanza”, afirman.

“Este acordo beneficia directamente á poboación da Rigueira, Penas Agudas, O Cruceiro, Portocelo, Lago, Morás, Sumoas… pero tamén simboliza o que queremos para Xove: investimento, dignidade e futuro. É só o principio. Seguiremos loitando por todo aquilo que o noso concello necesita”, conclúen.

Exit mobile version