Ao longo das últimas semanas, a agrupación socialista percorreu as parroquias de Mosende, San Román do Val, Riobarba, Cabanas, Suegos e Negradas, escoitando de primeira man as necesidades, propostas e preocupacións da cidadanía.
Nun ambiente de diálogo e proximidade, recolleron numerosas achegas que están xa a analizar para levalas aos vindeiros plenos municipais ou á institución correspondente, segundo cada caso. Engaden que “gobernar para todos tamén é saber escoitar a todos”.
A última xuntanza desta primeira fase celebrarase o domingo 27 de xullo, ás 18.30h na Casa do Pobo do Vicedo. Será unha ocasión para facer balance, compartir conclusións e continuar fortalecendo un proxecto colectivo construído desde abaixo.
Desde o PSdeG do Vicedo engaden que “seguiremos traballando con humildade, constancia e compromiso. Porque o noso compromiso coa veciñanza non remata aquí: continúa cada día, escoitando, propoñendo e actuando”.
Con esta campaña, o grupo socialista reafirma o seu compromiso por facer unha política centrada nas persoas, na proximidade e na participación real da cidadanía.