Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG provincial esixe máis recursos sanitarios para o rural e reclama a saída de Elena Candia da vida pública

Os socialistas defenderán dúas mocións no pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes

Lugo, 26 de xullo de 2025. O Grupo Provincial Socialista levará ao pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes 29 de xullo dúas mocións encamiñadas a defender a sanidade pública e a esixir responsabilidades políticas. Por unha banda, conxuntamente co BNG, presentan unha proposta de goberno para reclamar á Xunta de Galicia que manteña os servizos médicos nos consultorios do rural durante o verán. Por outra, esixen a dimisión de Elena Candia tralo arquivo definitivo da Operación Pulpo.

Na primeira das iniciativas, os socialistas denuncian que a Xunta de Galicia pechará este verán o 11,5% das camas hospitalarias na área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña, máis de tres puntos por riba da media galega. A esta cifra engádese a precariedade crecente nos consultorios de numerosos concellos do rural, onde se prevé a supresión de servizos médicos por falta de substitucións.

A moción recolle casos como os de Parga (Guitiriz), Doiras (Cervantes), Castro de Rei, Cervo ou San Cibrao, onde a redución de horarios e de persoal deixará sen atención médica regular a centos de veciñas e veciños durante semanas.

“Este modelo sanitario non garante dereitos, senón que cronifica as carencias no rural e afasta á poboación dos servizos básicos”, advertiu Pilar García Porto. O PSdeG reclama un plan de choque urxente por parte da Xunta, que recupere os horarios previos á pandemia, cubra as prazas vacantes e restitúa servizos como a pediatría, compartida de xeito claramente insuficiente entre varios concellos da Terra Chá.

A proposta inclúe a substitución das prazas de medicina de familia sen cubrir por xubilación en concellos como Ourol, O Valadouro, Ribadeo, Trabada, Viveiro, Xove, O Vicedo ou Riotorto, así como a recuperación dos medios necesarios para que o servizo de pediatría deixe de ser compartido entre Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei. Tamén reclama a revisión da política de peche de camas e a elaboración dun plan específico de reforzo da atención sanitaria que teña en conta tanto o aumento de poboación nas zonas turísticas como as patoloxías propias desta época do ano.

Na segunda das mocións, os socialistas reclaman que Elena Candia abandone a vida pública tras confirmarse o arquivo definitivo da coñecida Operación Pulpo, unha causa xudicial que, segundo o propio auto do xuíz, carecía de indicios e partía dun escrito anónimo sen fundamento entregado ao Partido Popular.

“Elena Candia non só participou activamente nesta estratexia de acoso político, senón que contou co respaldo dos seus superiores, que a premiaron con cargos públicos e orgánicos mentres se perpetuaba unha farsa xudicial sen base legal nin ética”, sinala Pilar García Porto. “O dano causado á Deputación, ao Concello de Lugo e á política lucense non pode quedar impune. A súa saída é unha cuestión de decencia democrática”.

A moción lembra que o proceso se prolongou durante doce anos sen base legal nin acusación formal, mentres se utilizaban recursos públicos para sementar sospeitas infundadas e manchar o nome de representantes públicos do socialismo lucense. A instrución, cualificada de anómala, estivo conducida por unha xuíza sancionada e apartada temporalmente da carreira xudicial, mentres a Fiscalía concluía que non existían feitos de relevancia penal.

Para o PSdeG, esta etapa non pode pecharse sen consecuencias políticas. Por iso, ademais da renuncia aos cargos, reclámase que Candia asuma a súa responsabilidade, recoñeza o dano causado e pida desculpas públicas ás persoas afectadas e á cidadanía da provincia de Lugo, pola utilización ilexítima da xustiza con fins partidistas.

Exit mobile version