Trátase dun ala destro de 22 anos que debutou en Segunda con David Rial no Santiago Futsal e que procede do Stellae Leis Pontevedra
Alán Álvarez Añón (Santiago de Compostela, 10-3-2003) criouse na prolífica canteira do Santiago Futsal, onde ingresou con 8 anos e saíu con 19. Na campaña 2019/2020 producíase o seu debut no primeiro equipo nun encontro de competición oficial. Foi nas Pontes durante un partido de Copa do Rei e nese intre convertíase no xogador máis novo en facelo na historia do club santiagués con 16 anos, 8 meses e 3 días, superando a Alberto Mirás, que agora será de novo compañeiro seu.
Na campaña 2020/2021 xa pasou a formar parte a todos os efectos do primeiro equipo santiagués, no que tamén estivo o curso seguinte, xa en 2ªB, onde os picheleiros rozaron o ascenso á categoría de prata. De Santiago emigrou a Pontevedra para enrolarse na 2022/2023 nas filas do Leis Pontevedra, posteriormente marchouse ao Stellae-Valga e a fusión dos seus últimos dous equipos fixo que o pasado ano regresase a Pontevedra para xogar baixo a denominación de Stellae Leis Pontevedra, sempre en 2ªB. Así mesmo, Alán foi un habitual das convocatorias das seleccións galegas de base entre os anos 2017 e 2022.
Alán chega ao Burela FS moi ilusionado por ter recibido a proposta do club e polo reto que supón regresar a Segunda División. “Como para calquera xogador criado no fútbol sala galego, o Burela FS é unha referencia, tanto a nivel de canteira como de estrutura deportiva profesional. É un club con fortes raíces de identidade, algo que me atraeu moito a vir, xunto co desafío deportivo que supón afrontar o cambio de categoría”, explica.
O ala compostelán defínese como “un xogador rápido e versátil, destacando sobre todo en ámbitos defensivos” y espera aportar “sacrificio e traballo como o que máis, así como compañeirismo e alegría ao grupo”, características que precisamente ensalzo una súa despedida o club lerezán. Así mesmo, agarda “levar experiencias do fútbol sala profesional en todos os sentidos e seguir aprendendo deste deporte”, sinala.
En canto aos obxectivos deportivos que se marca para esta campaña, Alán só pensa no grupo. “Os meus obxectivos son puramente colectivos. Aqueles que diga o adestrador e o club serán os meus obxectivos”, asegura. Finalmente, envíalle unha mensaxe á Familia Laranxa. “Anímoos a que sigan apoiándonos nesta tempada tan ilusionante que nos vén e poder construir xuntos un camiño para o recordo”, conclúe o prometedor ala santiagués.