Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco exemplifica no Vicedo a aposta do Goberno pola protección e uso público do litoral investindo máis de 5,5M€ na costa de Lugo

O delegado supervisou o acabado final do proxecto ao que se destinaron preto de 400.000 euros para recuperar a servidume de tránsito entre Os Castelos e a praia de Fomento

O Vicedo, 17 de xullo de 2025. O delegado en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor no Vicedo o compromiso do Goberno coa recuperación e mellora do litoral galego durante a visita ao novo sendeiro litoral entre Os Castelos e a praia de Fomento. O delegado estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, e o xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil.

“O sendeiro que hoxe inauguramos simboliza perfectamente a nosa aposta por un litoral público, sustentable e accesible. Falamos dun investimento próximo aos 400.000 euros que abre un novo espazo para o desfrute da cidadanía, nun enclave de enorme valor natural e turístico”, destacou o delegado.

A actuación, executada polo Servizo Provincial de Costas e a Demarcación de Costas en Galicia, recupera a conexión entre dous espazos naturais emblemáticos deste concello da Mariña lucense, cun percorrido de 395 metros e un trazado accesible e integrado na paisaxe.

Pedro Blanco subliñou ademais que esta obra é unha máis das múltiples actuacións que o Goberno de España vén impulsando na costa lucense nos últimos anos, con intervencións tan significativas como a restauración de ecosistemas dunares ou a creación de sendeiros en Foz e Barreiros.

“En total, levamos investidos máis de 5,5 millóns de euros en proxectos promovidos por Costas na provincia de Lugo desde 2018, cun obxectivo claro: preservar o noso patrimonio litoral, mellorar o seu estado ambiental e abrir estes espazos á cidadanía en condicións de calidade e seguridade”, afirmou.

Melloras no Vicedo

O sendeiro peonil entre Os Castelos e a praia de Fomento, cunha lonxitude de 395 metros e un ancho medio de 2 metros, foi deseñado para garantir a accesibilidade con pendentes suaves e un percorrido que pon en valor a riqueza paisaxística da zona. A actuación permite recuperar a antiga servidume de tránsito, mellorando a mobilidade peonil e favorecendo o uso público dun enclave costeiro de grande interese ambiental.

Exit mobile version