O programa desenvolverase entre o 16 de xullo e o 29 de agosto para mozos e mozas nados entre o 2007 e o 2013
As actividades desenvolveranse do 16 de xullo ao 29 de agosto, con propostas fixas cada día da semana. Os luns están dedicados ao tenis de mesa; os martes xogaranse partidas de cartas de UNO e os mércores serán días de xogo activo co brilé, unha actividade física que combina estratexia e movemento.
Os xoves estarán reservados para as reunións do Grupo de Participación, mentres que os venres serán días libres para os participantes, aínda que a Casa da Xuventude poderá organizar actividades puntuais neses días.
A Casa da Xuventude permanecerá aberta a partir do 14 de xullo en horario de mañá, de 8:00 a 14:00 horas, tempo no que os mozos e mozas poderán acceder libremente ás instalacións para utilizar os seus recursos ou participar nas propostas dispoñibles de forma autónoma.
O responsable da Casa da Xuventude, Mario Pillado, destacou que “queremos ofrecer unha alternativa ás familias para este verán e ó mesmo tempo achegar a rapazada á Casa da Xuventude cunha serie de actividades lúdicas que cremos que son do seu agrado e interese para fomentar a participación de forma diversa e en igualdade”.
As inscricións para participar nas actividades estarán abertas do 1 ao 11 de xullo e poderán facerse de xeito presencial na Casa do Concello ou enviando a ficha de inscrición cuberta ao correo electrónico casaxuventude@burela.org. A adxudicación de prazas farase por rigorosa orde de inscrición.