O acto contará coa participación do director do documental e de Pablo Rodríguez “Vivín”, escritor, investigador e historiador local de Ribadeo e depositario do arquivo familiar de Alonso y Trelles, que guiará ao público a través desta apaixonante viaxe histórica.
A deputada de Cultura Iria Castro convidou a asistir a proxección do documental e ao coloquio, que contribúen ao coñecemento e á divulgación da historia da comarca e do país a partir da pegada da emigración cara a America.
Unha historia de emigración e legado cultural
O documental, que se estreou o pasado setembro en Ribadeo coindindo co centenario do pasamento do Vello Pancho, explora a masiva emigración galega ao Río da Plata, especialmente dende a comarca da Mariña e Ribadeo, durante a segunda metade do século XIX.
A través do arquivo familiar de Alonso y Trelles, coñecido como “O Vello Pancho”, descuberto polo propio Pablo Rodríguez “Vivín”, a película afonda na vida e obra deste destacado escritor e político, con achegas de persoas investigadoras deste etapa histórica como Pilar Cagiao, Martín Fernández Vizoso, Manuel Suárez, José Mª Monterroso Devesa, así como de Toni de Seares e Ana Lorenzo, últimos responsables do programa de radio Sempre en Galicia, de Montevideo e integrantes do Patronato da Cultura Galega.
A obra poética de Alonso y Trelles e a súa influencia na música
A narrativa do documental analiza a obra poética de Alonso y Trelles, destacando os seus temasprincipais: a natureza, o gaucho e a vida rural uruguaia. A súa influencia chegou ata o mundo da música, con figuras como Carlos Gardel e Alfredo Zitarrosa, quen puxeron voz a varios dos seus poemas. Gardel interpretou pezas como “¡Hopa, hopa, hopa!”, “Insomnio” ou “Misterio”, mentres que Zitarrosa converteu “De la Lucha” nun himno reivindicativo.
O legado de “O Vello Pancho” na actualidade
O coloquio posterior á proxección abordará o significado actual da obra de Alonso y Trelles e a súa contribución ao patrimonio cultural e histórico da provincia de Lugo. A súa traxectoria serve como ponte entre Galicia e Uruguay, recordando o papel fundamental dos emigrantes galegos na construción material e inmaterial destes países.